Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Fundación Mujeres coida ás coidadoras na Laracha

Apoio as coidadoras
A Fundación Mujeres coida ás coidadoras na Laracha

Coidar a quen coida é un dos obxectivos do obradoiro que propón a Fundación Mujeres para a Laracha. O Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un novo obradoiro presencial de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes en zonas rurais que dará continuidade aos realizados nos últimos anos. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.

Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.

O obradoiro constará de seis sesións que se impartirán os luns desde o 26 de setembro. Nesta ocasión o programa realizarase en dúas parroquias:

• Soandres (escola da Fraga): 10:30 a 12:30 h.
• Vilaño (centro social): 16:00 a 18:00 h.

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais do Concello acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811. As prazas son limitadas e o prazo para anotarse remata o 20 de setembro.

Comentarios