Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Fundación Mulleres imparte na Laracha un obradoiro para Coidadoras de persoas dependentes

MULLERES-COIDADORAS-1078x516
A Fundación Mulleres imparte na Laracha un obradoiro para Coidadoras de persoas dependentes

Os coidados están no centro do debate xa dende que o movemento feminista o colocase como obxectivo principal das mobilizacións do 8 de marzo de 2019. Pero a pandemia puxo aínda máis o foco na súa importancia. Cunha poboación cada vez máis envellecida, ademais, os coidados supoñen unha oportunidade laboral para moitas persoas.

Pero coidar non é tan doado como pode parece, e fai falta coidarse tamén a si mesmo, pois o feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre o benestar, a saúde e a calidade de vida das mulleres que desenvolven dita tarefa (os denominados “custos do coidar”). 

Conscientes desta situación, e para paliar estas consecuencias, o Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha un novo obradoiro presencial de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes en zonas rurais que dará continuidade aos realizados nos últimos anos. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia.

Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras. A formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación e autoestima pretende que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable e que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.

O obradoiro constará de seis sesións que se impartirán os luns a partir do 13 de setembro en horario de 10:00 a 12:00 horas no centro sociocultural de Santa Margarida (antigo hospital dos peregrinos de Montemaior) ou de 16:00 a 18:00 horas no centro sociocultural de Lendo.
A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais chamando ao 981612811.

Comentarios