Luns. 29.04.2024
El tiempo

O goberno da Laracha aplica e explica unha suba de impostos

Imaxe do pleno
O goberno da Laracha aplica e explica unha suba de impostos

Criticaba antonte o BNG a subida de impostos do grupo popular da Laracha. Unha actualización de impostos aprobada no pleno de onte, cos votos a favor do grupo popular (en maioría) e cos votos en contra de PSOE e o propio BNG.

O grupo de goberno tratou de explica os porqués da modificación das ordenanzas fiscais reguladoras dos impostos sobre bens inmobles (IBI), vehículos de tracción mecánica (IVTM) e actividades económica (IAE), e a da taxa de recollida de lixo, cambios que entrarán en vigor co inicio do ano 2024.

O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que a actualización que se leva a cabo faise porque “todos os indicios apuntan a que desde 2025 non se poderán empregar os remanentes por esixencia de Europa ante o déficit acumulado do Estado”, o que suporá que “os concellos paguen os pratos rotos” nun contexto económico “difícil” para as entidades locais. O rexedor explicou que a adaptación dos tributos faise para “ser consecuentes cos incrementos nos custes dos servizos e do mantemento das infraestruturas municipais”.

Como é a suba

A máis polémica foi a suba da taxa do lixo. López Varela apuntou que o servizo de recollida, transporte e tratamento na planta de Sogama dos residuos sólidos urbanos presenta “un déficit moi importante” porque o recadado cubre unicamente o 57 % cando debería autofinanciarse. O cambio na ordenanza permitirá alcanzar unicamente o 70 % do desembolso que supón para o Concello, incluíndo os gastos da xestión do punto limpo, a recollida domiciliaria de voluminosos, a implantación do contedor marrón de orgánicos e o programa de compostaxe doméstica no rural. Tamén quedan establecidos dous novos tramos para adaptar as tarifas aos establecementos comerciais que presentan unha maior superficie.

En relación ao IBI, o gravame establecerase no 0,44 %, (anteriormente estaba no mínimo permitido por lei do 0,40 %), manténdose como o menor tipo da comarca e sensiblemente por debaixo da media de Bergantiños e Costa da Morte (0,51 %). Ademais regúlase o procedemento de vivendas de protección oficial.

En canto ao IVTM, ata o de agora existía un coeficiente único do 1,20 que pasará a ser progresivo dun mínimo do 1,25 e un máximo de 1,40 para vehículos que superen os 20 cabalos fiscais.

Bandeira verde

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, izaron a bandeira

Onte tamén tivo lugar unha visita institucional para izar a Bandeira Verde de Galicia na Praza do Concello como símbolo do recoñecemento da Xunta polo labor municipal a prol da protección da paisaxe e do medio ambiente. Neste ano son 18 os concellos galegos que obtiveron o distintivo ao ser considerados como os máis dinámicos neste eido por desenvolver boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto da paisaxe, a minoración das emisións de CO 2 e a redución do consumo enerxético.

Comentarios