A Laracha acolle obradoiros de apoio ás coidadoras de persoas dependentes

Fundación Mujeres charla laracha
A Laracha acolle obradoiros de apoio ás coidadoras de persoas dependentes

Que importante é coidar ás que coidan. Porque o feito de coidar a unha persoa en situación de dependencia implica unhas consecuencias sobre o benestar, a saúde e a calidade de vida das mulleres que desenvolven dita tarefa (os denominados “custos do coidar”). En moitos casos ditas persoas, antepoñendo o coidado ás súas propias expectativas e proxectos de vida, ven afectada a súa saúde, autoestima, lecer e tempo libre, vida familiar, relacións e traballo e, por tanto, a súa economía. Para estas mulleres a responsabilidade do coidado das persoas dependentes supón unha ruptura co seu proxecto de vida persoal, relegando os desexos e necesidades para atender os doutras persoas, e sumíndoas así nun estado de depresión e illamento social. 

Conscientes desta situación, e para paliar estas consecuencias, o Concello e a Fundación Mujeres –coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña- desenvolverán na Laracha novos obradoiros presenciais de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes residentes en zonas rurais que dará continuidade aos realizados nos últimos anos. A iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento aos recursos xa existentes de apoio á dependencia. 

Deste xeito contribuirase a mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, e a promover o seu desenvolvemento persoal e social aprendendo a demandar apoio de xeito eficaz e fomentando hábitos de vida máis saudables. Na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación.

A formación en materia de autocoidado, xestión emocional, habilidades de comunicación e autoestima pretende que as mulleres poidan exercer os labores de coidado dunha maneira máis saudable e que se minimicen os riscos que corren na actualidade asociados a malas prácticas e hábitos prexudiciais en relación ás tarefas que desenvolven como coidadoras.

Os obradoiros impartiranse en oito sesións, todos os martes desde o 23 de setembro ata o 11 de novembro. Nesta ocasión o programa realizarase en dúas parroquias, podendo escoller as participantes calquera delas:

  • Lendo (Centro Sociocultural do Cruceiro): 10:30 a 12:30 h.
  • Montemaior (Centro Sociocultural de Cumiáns): 16:00 a 18:00 h.

A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no departamento de Servizos Sociais do Concello acudindo ao edificio administrativo da Laracha ou chamando ao 981612811. As prazas son limitadas e o prazo para anotarse é do 10 ao 18 de setembro.

Comentarios