Laracha aproba destinar o POS a gasto corrente e extraordinario derivado do covid-19

Na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada onte, e ratificado no pleno deste venres, acordouse aprobar a participación do Concello da laracha nas dúas liñas do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, isto é, os POS+ Adicional 1/2020 e 2/2020 convocados pola Deputación da Coruña.
Unha das liñas é a achega para o financiamento de gastos correntes ou investimentos financeiramente sostibles e que para o caso da Laracha ascende a 217.108,88 euros. O goberno local propón destinar dita cantidade integramente a afrontar gastos correntes municipais.
O outro programa de axudas ten por finalidade financiar gastos sociais extraordinarios derivados da Covid-19. A achega de 57.895,70 euros que percibirá o Concello da Laracha dedicarase á adquisición de medios de prevención (equipos de protección individual) e á ampliación da dotación das partidas orzamentarias para garantir ingresos suficientes ás familias en situación de vulnerabilidade e asegurar a cobertura das súas necesidades básicas.
Dúas naves para o polígono
Os tres grupos políticos con representación no Pleno aprobaron por unanimidade a declaración de especial interese ou utilidade municipal a dous proxectos de construción de naves industriais no parque empresarial da Laracha, o que implica a bonificación do 95% no imposto sobre construcións instalacións e obras (ICIO). Os proxectos son promovidos por Galitrans 96 S.L. (nave industrial destinada a almacenamento téxtil) e por Daniel Rial Buño (nave industrial destinada a carpintería metálica).