mércores. 30.04.2025
El tiempo

A Laracha instala paneis solares no pavillón para alcazar un autoconsumo eléctrico do 56,7 % nos edificios municipais

pavillon laracha
A cuberta do pavillón acollerá o sistema
A Laracha instala paneis solares no pavillón para alcazar un autoconsumo eléctrico do 56,7 % nos edificios municipais

Non é tan complicado nin tan caro. Así de claro o ten o Concello da Laracha, que vén de aproban na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local a adxudicación, a Montaxes Eléctricas Noroeste S.L., da execución do proxecto de instalación do sistema de produción de enerxía fotovoltaica na cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha cunha potencia total de 99 Kw e que abastecerá a varios edificios municipais.

O Concello e o Inega cofinanciarán esta actuación, valorada en 120.000 euros, coa que se prevé alcanzar un autoconsumo eléctrico do 56,7 % na Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura. 

Con este proxecto darase un paso importante na mellora da eficiencia enerxética e na minoración das emisións de CO2 para facer da Laracha un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

Melloras na Esquipa

Na Xunta de Goberno tamén se acordou aprobar con carácter inicial o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola actuación promovida entre os Concellos da Laracha e de Arteixo dirixida a acometer melloras na rede viaria e crear a rede de saneamento no núcleo da Esquipa, que é limítrofe entre ambos municipios, pertencendo a parte larachesa á parroquia de Lendo. Son un total de 472 metros cadrados repartidos entre 11 parcelas os necesarios para executar as obras na Laracha. O Concello destinará á súa adquisición máis de 7.000 euros. 

Reforma da cuberta da piscina 

Na sesión acordouse que o Concello concorra a tres convocatorias de axudas públicas doutras administracións. Dúas delas terían por finalidade a mellora de infraestruturas e equipamentos municipais. 

Así, preséntase á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia o proxecto de reforma da cuberta da piscina municipal da Laracha, que o Concello pretende cofinanciar a través do Fondo de Cooperación Local. A intervención é necesaria para mellorar a impermeabilización do complexo deportivo e, ademais, a cuberta quedaría preparada para a futura instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica.

Outra solicitude de subvención á Xunta de Galicia, neste caso á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao abeiro da convocatoria para a mellora de instalacións utilizadas para a realización de actividades culturais, ten por propósito renovar os equipos de son, iluminación e audiovisuais da Casa da Cultura da Laracha.

Da Deputación da Coruña solicítase o apoio económico para a organización de eventos de tipo cultural durante o próximo verán ao abeiro do programa de subvencións para o apoio ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas.
E o Concello tamén concorre ao programa Aprol Rural da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa pretensión de formar unha cuadrilla para servizos de mantemento e valorización de zonas verdes composta por catro persoas que se atopen en situación de desemprego e que serían contratadas por un período de nove meses a xornada completa.

Comentarios