Luns. 29.04.2024
El tiempo

A Laracha licitará ao longo deste ano seis proxectos de mellora enerxética

melloras-rede-viairia-lemaio-a-laracha
O Concello da Laracha está a acometer diversas melloras na rede viaria de Lemaio por un importe de máis de 86.000 euros
A Laracha licitará ao longo deste ano seis proxectos de mellora enerxética

O Concello da Laracha está a traballar no desenvolvemento dun plan de renovación e transición enerxética que afecta tanto aos edificios administrativos municipais como a outras infraestruturas culturais, deportivas e sociais. Ao longo do actual ano 2024 prevese sacar a licitación seis proxectos que alcanzan un investimento total de 2,9 millóns de euros. Con estas intervencións procúrase o dobre obxectivo de mellorar e modernizar as instalacións ao tempo que se reducirá o gasto enerxético cunha forte aposta pola eficiencia que tamén contribuirá a minorar as emisións de CO 2 , facendo da
Laracha un concello máis sostible e respectuoso co medio ambiente de acordo aos compromisos adquiridos ao confirmar a adhesión ao Pacto das Alcaldías e tamén ás directrices establecidas na Axenda 2030.

Estas son as actuacións que se levarán a cabo:

  • Casa do Concello: será obxecto dun proxecto de rehabilitación integral que modernizará o edificio facéndoo máis operativo e eficiente no aspecto enerxético, estando actualmente en licitación o contrato da redacción do proxecto e dirección de obra. O orzamento inicial da completa actuación que se levará a cabo ascende a 1.250.000 euros, contándose para o seu financiamento cunha achega de máis de 700.000 euros procedentes dos fondos Next Generation da Unión Europea.
  • Enerxía fotovoltaica: Co apoio económico da Xunta a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), lavaráse a cabo o proxecto de instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica consiste na colocación de paneis cunha potencia total de 99 Kw sobre a cuberta do pavillón polideportivo municipal da Laracha para abastecer varios edificios municipais na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes. As instalacións que se prevé abastecer son a Casa do Concello, o edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura. Segundo os estudos realizados polo Concello, o autoconsumo con respecto ás cifras actuais sería do 56,7 %. Ademais, tamén está presentado no Inega outro proxecto de similares características centrado en incrementar a capacidade de autoconsumo no complexo deportivo da piscina municipal da Laracha, neste caso coa previsión de alcanzar o 30 %. Entre ambos proxectos o investimento total superará os 300.000 euros.
  • Reitoral de Montemaior: O concello tamén promove o proxecto de rehabilitación integral da antiga casa reitoral da parroquia de Montemaior para transformar o histórico inmoble nun espazo multifuncional que funcione como punto de encontro para os veciños, albergue xuvenil e centro de referencia para o sector primario. O investimento alcanzará os 713.000 euros, contemplándose actuacións de mellora da eficiencia enerxética na envolvente térmica do edificio que reduzan o consumo eléctrico e as emisións de CO 2 .
  • Centro sociocultural da Insua: O edificio de titularidade municipal multifuncional da Insua, que na actualidade alberga, nunha parte da instalación, o consultorio médico da vila e, na outra parte, actividade do tecido asociativo caionés, será obxecto dunha intervención dirixida a renovar a fachada e mellorar o seu illamento térmico. O orzamento ascende a 24.000 euros, que se suman aos 30.000 euros recentemente investidos nesa mesma instalación para aumentar o confort higrotérmico e a eficiencia enerxética coa renovación de ventás e portas.
  • Servizos múltiples: O concello ten proxectada a rehabilitación enerxética do edificio de Servizos Múltiples, situado na céntrica Avenida López Astray da Laracha. O inmoble consta de soto, planta baixa e tres plantas, e actualmente alberga o centro social da terceira idade e a actividade do servizo municipal de atención temperá. Os tres obxectivos principais, complementarios entre si, céntranse na mellora da estética, da inclusión do edificio e da sustentabilidade coa renovación da envolvente térmica e das instalacións de climatización, e a colocación de xeradores de enerxía fotovoltaica. Implicaría a redución do consumo enerxético nun 83 %. O presuposto sitúase en torno aos 600.000 euros.

 

Mellora da rede viaria en Lemaio

Por outra banda, o concello da Laracha ten en fase de execución un amplo proxecto de mellora da rede viaria na parroquia de Lemaio. O primeiro punto de intervención localízase en Proame, afectando as obras á estrada que dirixe ao centro sociocultural e á pista polideportiva. Ata ese lugar desprazáronse o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, para supervisar as actuacións que están a ser desenvolvidas por Canarga Construcciones.

A continuación levarase a cabo a segunda fase das obras, centradas no núcle de A Fontaíña. En ambas localizacións, tanto en Proame como en A Fontaíña, os traballos consisten na renovación do pavimento da superficie de rodadura dos vehículos, incluíndo tamén a limpeza das cunetas, o acondicionamento dos bordes da calzada e a sinalización horizontal para reforzar a seguridade viaria.

O orzamento deste proxecto supera os 86.000 euros.

Comentarios