Venres. 29.03.2024
El tiempo

Laracha participa nun proxecto Europeo en Bulgaria

2021.09.04.- Participantes do evento no Concello de Knezha
Laracha participa nun proxecto Europeo en Bulgaria

O alcalde, José Manuel López Varela, representou ao longo desta semana ao Concello da Laracha nun evento do programa Europe for Citizens que tivo lugar nas localidades búlgaras de Sofía e Knezha e no que participaron municipios e entidades de dezasete países europeos (Bulgaria, España, Hungría, Alemaña, Portugal, Eslovaquia, Letonia, Estonia, Italia, Polonia, Francia, Grecia, Croacia, Suecia, Malta, Chipre e Romanía).

O evento versou sobre a Europa da diversidade e tratáronse aspectos relacionados coa integración e a socialización das persoas migrantes. De feito, o obxectivo principal centrouse na creación de novas perspectivas a través do diálogo e da reflexión sobre cuestións migratorias, historia e diversidade dos diferentes países do continente. Deste xeito os participantes puideron comprender mellor a Unión Europea e afondaron na súa posición actual sobre a temática das migracións e a busca alternativa de novos retos para superar os problemas xurdidos polas situacións actuais. Por tanto, alentouse aos participantes a intercambiar opinións e formular novas ideas e propostas concretas cara o futuro.

Para alcanzar os propósitos do proxecto, e en liña coas prioridades de Europe for Citizens, creouse unha rede a longo prazo entre as entidades e institucións participantes que quedará aberta aos valores da amizade, solidariedade, diálogo intercultural e interaccións entre os cidadáns cun enfoque ascendente deste programa europeo.

Durante o desenvolvento do evento, os participantes foron recibidos polo Gobernador Mario Todorov, xefe do Distrito de Pleven, e estiveron en contacto en todas as xornadas con Iliycho Lachkovski, alcalde de Knezha e organizador. Entre as diversas actividades realizadas cabe salientar a xornada de traballo no Parlamento de Bulgaria coa deputada nacional Rositsa Todorova.

Comentarios