A Mesa Educativa e Sanitaria da Laracha mellora a detección de situacións de risco en materia de violencia de xénero

O goberno local, o CIM, os servizos sociais municipais, o centro de saúde e os centros de ensino forman a Mesa Educativa e Sanitaria sobre Violencia de Xénero na Laracha. Unha ferramenta que serve para facilitar a coordinación interinstitucional dun asunto absolutamente transversal, que é paralela ademais á Mesa de coordinación policial.
Se ben dende xaneiro de 2020 non se celebraban reunións pola situación sanitaria, cada trimestre responsables de todos estes órganos manteñen reunións para mellorar a detección de situacións de risco. Neste sentido, avanzouse na creación e posta en funcionamento dun protocolo de actuación sobre o procedemento a seguir para derivar posibles vítimas desde o centro de saúde ao CIM e viceversa.
En relación aos centros de ensino, falouse sobre o programa de actividades a desenvolver en torno ao 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero, e recolléronse propostas sobre os contidos principais a incluír nos obradoiros de promoción da igualdade entre homes e mulleres que se levarán a cabo baixo a coordinación do CIM.
Por último informouse de que o Concello ten en proceso de redacción o novo Plan de Igualdade municipal, explicándose o traballo realizado durante as últimas semanas e solicitando a implicación e cooperación no procedemento de elaboración do mesmo de todas as persoas integrantes desta Mesa.
Melloras en Gabenlle
Onte o Concello recibiu a visita o delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor, para ver as melloras realizadas na área recreativa de Gabenlle. O goberno autonómico axudou con 28.000€ a mellora da accesibilidade na zona.