Luns. 13.07.2020
El tiempo

A mesa educativa e sanitaria sobre violencia de xénero da Laracha valorou os programas de prevención realizados nos centros de ensino

A Mesa de traballo no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha.
A Mesa de traballo no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha.
A mesa educativa e sanitaria sobre violencia de xénero da Laracha valorou os programas de prevención realizados nos centros de ensino

A Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino celebrou unha nova sesión no Salón de Plenos da Casa do Concello da Laracha.

Á reunión asistiron a concelleira de Muller, Rocío López, a xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Isabel Álvarez, a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha, Ana Aldao, a coordinadora do centro de saúde da Laracha, Paula Pérez e directores, directoras e orientadoras do IES Agra de Leborís, CEIP Otero Pedrayo, CEIP Alfredo Brañas e CEIP de Caión.

Nesta ocasión as cuestións fundamentais tratadas consistiron en avaliar as diferentes actividades e obradoiros de prevención que foron desenvolvidas nos centros de ensino durante os últimos meses, incluíndo nelas a quinta edición da Festa da Igualdade, a xornada de convivencia con motivo da celebración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. A análise da Mesa e as propostas que xorden destas reunións periódicas son de especial relevancia para mellorar ano a ano os contidos destas programacións específicas nas que participan alumnos de educación primaria e secundaria.

Nos colexios todos os programas xa están completadas e no IES Agra de Leborís aínda se impartirán no que resta do curso actual. Os contidos están centrados especificamente en temáticas afectivo sexuais adaptadas a cada grupo de idade. Ao estar dirixidas polo CIM da Laracha, todas as iniciativas, obradoiros e actividades son traballadas desde a perspectiva da transversalidade de xénero.

Ademais, na xuntanza explicáronse os compromisos do Concello e a implicación das persoas que integran esta Mesa que suporá a incorporación do corpo da Policía Local da Laracha ao sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero (sistema VioGén).

Por último, a directora do CIM expuxo aos integrantes da Mesa os diferentes recursos didácticos e programas que teñen á súa disposición a través da Xunta de Galicia os profesionais que desenvolven o seu labor nos campos da atención, detección e prevención da violencia de xénero.

A Mesa sectorial de coordinación en materia de violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reúnese con carácter trimestral. É preciso lembrar que a Mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero está subdividida en dúas mesas sectoriais. A outra (ademais da educativo-sanitaria), a de coordinación policial, está convocada para o mediodía do martes 28 de xaneiro.

comentarios