Luns. 29.04.2024
El tiempo

Nova edición das Andainas de Primavera da Laracha

Andainas na Primavera larccha 2024
Andainas na Primavera larccha 2024
Nova edición das Andainas de Primavera da Laracha

O Concello da Laracha ten xa aberto o prazo inscrición para participar no programa Andainas na primavera, que nesta quinta edición inclúe catro rutas a realizar nas próximas semanas por espazos naturais da Laracha e doutros municipios próximos. O propósito é ofrecer á cidadanía unha alternativa para o aproveitamento do tempo libre e, ao mesmo tempo, potenciar os estilos de vida saudables coa promoción da actividade física.

A primeira cita será o domingo 14 de abril coa Ruta de Caión: Porta da Costa da Morte, incluída en A Laracha Activa. Trátase dun percorrido lineal de 12 km de distancia e dificultade moderada que discorre polos antigos camiños de peregrinación, dende a praza do Concello da Laracha ata o Santuario de Nosa Señora dos Milagres, e remata no Centro Sociocomunitario de Caión. 

O día 21 a proposta será unha ruta xunto a un dos lagos artificiais máis grandes de España como é o das Encrobas, no municipio de Cerceda. O percorrido é circular, cunha distancia de 8 km e dificultade baixa.

Na xornada do domingo 28 de abril será a quenda para a ruta pola antiga vía ferroviaria entre Cerceda e Tordoia, hoxe reconvertida en Vía Verde. Faranse a pé 10 km entre a antiga estación de Cerceda e o apeadoiro de Gorgullos. O nivel de dificultade é baixo.

Por último, o 12 de maio a proposta será a ruta As pegadas do Bradoso na larachesa parroquia de Montemaior, recentemente homologada pola Federación Galega de Montañismo. Os participantes realizarán un percorrido circular xunto ao río de 7 km e dificultade moderada. Ao longo do camiño, ademais de desfrutar do fermoso entorno fluvial, tamén descubrirán os restos de nove muíños de auga.

En todos os casos a saída será desde a Praza do Concello ás 9:30 horas e haberá transporte gratuíto. A participación vai dirixida en exclusiva a persoas -de calquera idade- empadroadas no termo municipal da Laracha. As inscricións son gratuítas e poden formalizarse a partir de mañá venres acudindo á Casa do Concello ou chamando ao 981605001.

Comentarios