mércores. 11.12.2024
El tiempo

O PSOE da Laracha esixe medidas urxentes contra a masificación no IES Agra Leborís

Concentracion contra os recortes no IES Agra Leboris da Laracha
Imaxe dunha das concentracións da comunidade escolar contra os recortes no IES Agra Leboris da Laracha
O PSOE da Laracha esixe medidas urxentes contra a masificación no IES Agra Leborís

Este xoves non volver saír a comunidade escolar do IES Agra Leborís á rúa despois de dous meses de concentracións contra os recortes. Pero a loita continúa, desta volta a nivel político. Esta semana é o Grupo Municipal Socialista da Laracha o que denuncia a situación de masificación e falta de recursos no centro, onde se concentran 547 estudantes con tan só 42 profesores (son 90 alumnxs máis pero 6 profesores menos nos útimos 5 anos), un aumento, segundo eles, “alarmante”, que pon en risco a calidade educativa.

A voceira socialista, Inés Ramos López, destacou que “en 1º da ESO hai 121 alumnos repartidos en só cinco aulas, e en 4º hai 110 estudantes, superando as ratios recomendadas e incumprindo as normativas de seguridade”. Ademais, denunciou que materias como Física, Latín e Grego están a impartirse de forma online pola falta de espazos axeitados.

A moción que presentarán os socialistas o próximo xoves no pleno municipal insta á Xunta de Galicia a dotar o centro dos recursos materiais e humanos necesarios, incluíndo un incremento no persoal de apoio para o alumnado con necesidades específicas, pasando de 1 a 1,5 prazas de Pedagoxía Terapéutica (PT).

“A carencia de profesorado especializado e a masificación nas aulas dificultan gravemente a atención á diversidade e o progreso académico do alumnado”, afirmou Ramos López.

Tamén reclaman melloras nas infraestruturas, como a creación de espazos cubertos para os días de choiva e a dotación dunha aula de usos múltiples.
Segundo a voceira socialista, “a falta de acción por parte da Xunta agrava unha situación que leva anos deteriorándose, ignorando as demandas da
comunidade educativa e as mobilizacións multitudinarias”.

Máis novas sobre o centro

Comentarios