Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A UGPOL pon de manifesto a complicada situación dos axentes da Policía Local da Laracha

Edificio Administrativo da Laracha-Policia Local
A UGPOL pon de manifesto a complicada situación dos axentes da Policía Local da Laracha

Denuncia hoxe a Asociación “Unión Galega de Policías Locais de Galicia” (UGPOL), a situación dos Auxiliares de Policía Local que están prestando servizo “sós” na vía pública en varios concellos. A entidade, conscientes e que a lei estatal ten xa 38 anos, pide que este verán os concellos teñan coidado.

Porque lembran que todos os veráns hai problemas co servizo, debido ao incremento de poboación dos concellos, “polo que xunto aos poucos profesionais que ten cada corpo de policía, as vacacións, as baixas médicas e/ou diferentes permisos, quedan sen atender varios quendas ou o que é máis grave, a prestación de servizo na vía pública sen estar acompañados por un funcionario de policía por parte dos Auxiliares de Policía Local”. A entidade lembra que os “Auxiliares de Policía Local deben estar sempre acompañados dun Policía, pois non son Axentes da Autoridade, ao non tratarse de Funcionarios Públicos e si persoal laboral contratados temporalmente en réxime administrativo”.

Poñen o exemplo da Laracha, un dos concellos na que a plantilla de Policía Local “está formada por menos axentes e a que menos retribucións percibe das Policías Locais da contorna”. A UGPOL relata que na Laracha os profesionais “están cobrando 303 euros menos que en Carballo, 243 euros menos que en Cerceda, 506 euros menos que en Arteixo, 426 euros menos que en Ordes ou 452 euros menos que na Coruña”. “Esta situación provocou que varios axentes con antigüidade e formación marchasen para outras poboacións e demostra o escaso interese por formar parte dunha Policía Local con condicións moi limitadas, feito que pode dificultar que outros axentes da Policía queiran pertencer a esta plantilla e se cubran os postos ofertados están cubertos”.

Nestes momentos desde o goberno local explican que hai unha mesa de negociación aberta pola nova Relación de Postos de Traballo e que por tanto non van facer máis declaracións ao respecto. Unha negociación da RPT que segundo a UGPOL “o Concello está negociando á baixa” con apenas “unha mellora de 60 euros brutos para un Axente de Policía e de 30 euros brutos para un Oficial de policía, moi lonxe das condicións económicas doutros Corpos de Policía Local”. De aí o seu “malestar” e a súa “mala saúde laboral”.

A entidade lembra tamén que non poden ir os tres novos Auxiliares sen acompañamento dun axente.

Por todo issto, dende UGPOL piden que “o Concello da Laracha e outros na mesma situación, reconsideren a situación das súas Policías Locais e dos Auxiliares de Policía Local que están prestando servizo na vía pública nos seus concellos, comportando un risco racionalmente grave para a súa vida, para a súa integridade física ou a de terceiras persoas (veciñas, veciños e visitantes). Tales conductas poden dar lugar a posibles responsabilidades patrimoniais contra os concellos e/ou contra os seus responsables, por incumprimento doloso do artigo 95.3 da Lei 4/2007, de 20 de abril, de Coordinación de Policías Locais “os Auxiliares de Policía local desempeñarán as funcións de apoio e de auxilio aos membros do corpo de Policía Local no marco do disposto na lexislación de corpos e forzas de seguridade”.

Máis novas

Comentarios