Xunta e Deputación repasan as súas obras na Laracha
Doble visita institucional onte na Laracha. Os representantes municipais, presididos polo alcalde José Manuel López Varela, recibían sendas delegacións da Xunta e da Deputación, que quixeron poñer en valor as obras financiadas cos seus investimentos.
Xunta: Obras nos CEIP
A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o CEIP de Caión para supervisar as obras realizadas pola Xunta para dar resposta ás necesidades do mesmo que contaron cun orzamento de case 37.000 euros. Trñatase dunha obra de reparación parcial do peche do recinto do colexio, e lembrou que outra parte xa se executou hai algún tempo. Agora repáranse case 90 metros lineais de peche adicionais demolendo a súa parte superior constituída por elementos verticais prefabricados de formigón e nervio superior de coroación de formigón “in situ”.
Ademais, remataron hai pouco as obrasmno CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco, de substitución dun tramo de peche duns 120 metros de longo que se atopa en malas condicións seguindo o criterio doutra actuación anterior, empregando paneis e alicerces de reforzo prefabricados.
Estas obras únense á realizada polo Concello da Laracha no CEIP Otero Pedraio dunha nova zona libre para uso deportivo e de ocio integrada no centro de ensino e dispoñible para o seu desfrute durante o horario lectivo.
Deputación: Vías
Así mesmo, a deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García Rey, quixo repasar na Laracha os invesstimentos do Plan Único, que este ano destinou ao municipio larachés un total de 1.437.280,93 €.
Concretamente, visitaron a obra de acondicionamento da estrada municipal desde DP1909 ata Outeiro.