A Laracha emprega o POS+ Adicional en melloras de vías e gasto corrente
Como veñen facendo a meirande parte dos Concellos, os cartos do Plan de Obras e Servizos da Deputación vai destinado a gasto corrente e asfalto. Estas semanas os concellos están aprobando o POS Adicional, un engadido ao Plan inicial, e os tiros son semellates.
Onte, o pleno extraordinario da Laracha aprobaba por unanimidade o detino deses 408.959,83 euros do POS+ Adicional. Desa cantidade, 323.419,45 terán por finalidade o financiamento de gasto corrente e os 85.540,38 euros restantes, máis unha achega municipal de 5.108,58 euros, irán a investimentos novos financeiramente sostibles consistentes en dous proxectos de mellora da rede viaria na parroquia de Lestón. Un deles localízase no núcleo urbano de Paiosaco, centrado na renovación da capa de rodadura nas rúas dos Oleiros e Campo da Feira, contemplando tamén no espazo afectado polas obras o remarcado da sinalización horizontal, as prazas de estacionamento de vehículos e os postos da feira. O outro proxecto afectará ao núcleo de O Cruceiro de Lestón, tamén incluíndo a mellora da superficie da vía e a sinalización horizontal.
A unanimidade repetiuse para fixar os festivos locais do ano 2025. Como é tradición no Concello da Laracha, serán o Martes de Entroido (4 de marzo) e o día da Romaría dos Milagres de Caión (8 de setembro).