Sábado. 16.11.2019
El tiempo

A falta de persoal deixa sen correspondencia a centos de veciños e veciñas de Ponteceso

A falta de persoal deixa sen correspondencia a centos de veciños e veciñas de Ponteceso
oficina-correos-neano-ponteceso A oficina de Correos de Neaño está pechada dende o pasado 12 de setembro Centos de veciños e veciñas de Ponteceso sofren nos últimos días atrasos na entrega da súa correspondencia nin paquetería. Os motivos son, segundo denuncian dende a CIG-Correos, a falta de contratación de persoal para cubrir as ausencias de dous traballadores que están de vacacións que, ademais do retraso nas entregas, ocasiona unha sobrecarga de traballo. Ao parecer, o pasado 7 de setembro comezaron as vacacións dous dos traballadores da sucursal pontecesá que se encargan do reparto da correspondencia nas parroquias de Cesullas, Nande, Sarces, Serantes, Soesto, Traba e parte da parroquia de Laxe. Un deses traballadores tamén se encarga da oficina de atención ao publico de Correos, situada en Neaño. Precisamente os días 10 e 11 de setembro (ambos festivos locais) non houbo reparto de correspondencia debido a que o reparto depende da oficina de Correos de Ponteceso. "Ademais desta circunstancia, dende que comezaron as súas vacacións e até a data de hoxe (en referencia a onte), Correos non contratou persoal para substituír os dous traballadores, de forma que os veciños e veciñas destas parroquias levan dende o día 12 de setembro sen recibir a súa correspondencia e tamén sen prestar servizo a oficina auxiliar de Correos de Neaño", sinalan dende o sindicato. "Esta situación causa un gran prexuízo as persoas afectadas e tamén ao resto dos traballadores e traballadoras que non están de vacacións, xa que con dous empregados menos resúltalles máis complicado sacar o reparto adiante e asumir toda a correspondencia urxente" indican dende a CIG-Correos. Por todos estes motivos, solicitan que se dote o centro de traballo de Ponteceso de persoal suficiente para que se poidan asumir as cargas de traballo dos envíos que hai pendentes de reparto nesa unidade. Fonte

Comentarios