Xoves. 12.12.2019
El tiempo

A Fedanpa continúa coa loita contra as Reválidas con charlas informativas pola Costa

A Fedanpa continúa coa loita contra as Reválidas con charlas informativas pola Costa
charla das revalidas da Fedanpa en Cee-Foto-Rafa Quintans Charla sobre as reválidas da Fedanpa en Cee-Foto-Rafa Quintáns Segue practicamente en bloque a comunidade escolar pelexando contra as Reválidas. E máis estes días despois de que a Xunta enviase xa aos centros as instrución para levalas a cabo en 3º e 6º de Primaria emais en 4º da ESO. E para non deixar un só pai nin nai desinformado, ante a falta de explicacións da Xunta, a Federación de ANPAS da Costa da Morte-Coruña está realizando unha serie de charlas polos concellos da zona. A pasada estiveron en Cee, ante un importante grupo de pais e nais explicando por que a Federación de ANPAS da Costa da Morte-Coruña está en contra destas probas “para etiquetarse negativamente”. Esta semana continúan as charlas. Hoxe luns 14 visitarán Malpica ás 16:30h; e ás 19:00h estarán en Ponteceso. O martes 15 darán unha charla ás 19:00h en Cabana e o mércores ás 17:00h en Laracha e ás 19:00h en Carballo. Pais e nais na charla das revalidas da Fedanpa-Foto-Rafa Quintans Pais e nais na charla das revalidas da Fedanpa-Foto-Rafa Quintans

”Por que non ás Reválidas

Non as revalidasAs familias galegas xa rexeitamos nos cursos precedentes cun abandono masivo das aulas nos días da súa celebración, o que tamén faremos nesta convocatoria, porque: • Non existe unha finalidade diagnóstica cando se rexeita facer unha valoración seria en profundidade, que avalíe non só competencias senón tamén recursos, medios, metodoloxías aplicadas, obxectivos perseguidos, etc. • Non hai ningunha valoración útil que se realice nun par de días, descontextualizando os resultados das realidades vividas durante un curso académico, cando que hai que estudar cal é a situación coa que se enfronta a comunidade educativa no día a día, cal é o grao de ocupación das aulas, cal é a provisonalidade do persoal docente e orientador, canto é o persoal de apoio, canto alumnado precisa de atención educativa específica, etc. • Da experiencia de anos anteriores, só se coñece o incumprimento absoluto das consecuencias, as mesmas que o venres saíron novamente publicadas, por parte da Administración educativa, non houbo valoración de resultados nos consellos escolares, non houbo plans de corrección nas programacións xerais anuais, non houbo unha información personalizada ás familias por parte das titoras, non houbo nada do que xustificaba a celebración das probas. Entón, se a diagnose que se pode facer é incompleta, e aínda esa non se utiliza: para que continuamos dilapidando diñeiro público en facer unhas probas inútiles que estorban o normal desenvolvemento do curso escolar e poñen en situación de incomodidade a alumnado e profesorado? As familias galegas estamos fartas de que se avalíe aos nosos fillos e fillas, xa se fai durante o curso académico por parte das súas titoras, que son quen as coñecen, non é precisa ningunha outra avaliación. Pero si podemos comprender que é necesaria unha avaliación do funcionamento da administración educativa, a que leva anos recortando medios e profesionais para a atención desas nenas e nenos ás que quere avaliar, a que confunde a autonomía dos centros escolares coa falta de apoio para o tratamento das problemáticas xerais, a que deixa sen recursos a toda a poboación con necesidades educativas de atención á diversidade. Ese é o parámetro que hai que avaliar, non a un alumnado que abondo ten con aturar un ensino público mal planificado polo goberno PP e peor organizado precisamente por parte de quen pretende avaliarnos. As reválidas foron mudando de nome co tempo,pero non sabemos se de intención! e pasaron de ser “instrumentos imprescindíbeis” da modernización do sistema educativo, a ser probas mostrais nalgún centro educativo para proporcionar á administración educativa “unha información complementaria á hora de deseñar accións específicas na súa aposta por unha maior calidade do ensino”; traducido: pasaron de ser totalmente necesarias a non servir para nada máis que para etiquetar negativamente; o que nós dixemos dende o primeiro día e mantemos hoxe. Esa é Administración Educativa que temos no noso País: xente que é quen de defender unha cousa e a súa contraria segundo o que conveña electoralmente aos seus copartidarios do goberno central; xente que leva anos xogando co estudantado galego utilizándoo á mantenta como material dun laboratorio externo a nós, que só serviu para entorpecer o seu desenvolvemento académico, e para desestabilizar a súa aprendizaxe nestes importantes anos do ensino obrigatorio. Aínda ben é que as familias, agrupadas nas asociacións de nais e pais, e con nós toda a sociedade, a directamente implicada no Ensino Público e a que non o está pero o sente como propio, fomos quen nestes anos pasados de ir variando a deriva discriminatoria que a LOMCE impuxo ao noso Ensino, e ir apartando do futuro das nosas fillas e fillos todos os atrancos que aquela xente insolidaria quixo introducir para que o Ensino de todas pasara a ser o Ensino dunhas poucas, daquelas que tiñan os medios privados para superalos. Moito queda por avanzar e moito por conseguir mais, se cadra, non todo o que pretendemos, porque a LOMCE continúa a estar aí, e con ela están os erros curriculares, as valoracións ideolóxicas, os itinerarios obrigatorios contaminados de sectarismo relixioso, o desprezo á nosa cultura e á nosa Lingua, a discriminación activa a aquelas ás que aparta do camiño maioritario, e unha ampla casuística de despropósitos que nos reafirma na nosa petición básica, na que agora tamén xa sumamos ao Consello Escolar do Estado: é unha norma que debe ser derrogada, canto antes, non hai outra opción. Non participemos nas reválidas, digamos Non a esta inxusta e inxustificable LOMCE

Novas relacionadas

 

Fonte

Comentarios