A Fiscalía xa investiga a mina de Corcoesto por un presunto delito contra o medio ambiente


Nova importante relativa á polémica Mina de Ouro de Corcoesto, que coñecemos mentres no Couto se celebraba esta fin de semana un emotivo recital poético, baixo o nome "SOS: versos contra o cianuro".
I é que a Fiscalía investiga o proxecto de mina de ouro de Corcoesto por un presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, segundo nos informa a Plataforma pola defensa de Corcoesto. A Fiscalía de Medio Ambiente procedeu á apertura de dilixencias de investigación penal contra o proxecto de mina de ouro a ceo aberto que a empresa canadense Edgewater pretende desenvolver no Concello de Cabana de Bergantiños e que ocupará máis de 770 hectáreas de superficie arborada.
Zona protexida
Cómpre lembrar que o proxecto mineiro desenvólvese nun espazo moi próximo ao río Anllóns que está declarado como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e como Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e que de levarse a cabo, esta zona especialmente protexida polas leis comunitarias, corre un alto risco de sufrir danos irreparables, con alteracións do sistema hidrolóxico que pode ter repercusións nefastas sobre os bancos marisqueiros da ría de Corme e Laxe.
No propio proxecto mineiro contémplase a desviación de 2.740 m da canle do río Lourido, o verquido ás concas fluviais de concentracións de metais pesados como o arsénico (0,077mg/l) ou o níquel (0,036mg/l) por enriba dos niveis máximos permitidos pola lexislación (respectivamente 0,05 mg/l e 0,02 mg/l), así como a xeración de dous millóns cen mil toneladas de residuos anuais que durante o período de explotación alcanzaría a cifra de 17 millóns de toneladas de residuos que quedarían na parroquia de Corcoesto para sempre, a escasos 200 m das vivendas máis próximas.
Outros datos do proxecto son o emprego de 1,49 toneladas diarias de cianuro (esta cantidade diaria podería envelenar case tres veces a poboación galega) e o consumo de máis de un millón cen mil litros diarios de auga para a extracción do ouro a través do proceso de lixiviación (equivalente ao consumo diario de 6.500 persoas, número moi superior á actual poboación cabanesa).
O recital de versos contra o cianuro

Emotivo o recital celebrado no Couto. I é que o movemento polas rúas, e redes sociais está a ser constante. Como mostra, deixámosvos este soneto de César Salgado, falando da loita en rede, acompañado desta imaxe creada por Agro do Cruceiro:
Foi no féisbuc, mesto muro,
foi no féisbuc, muro mesto,
falaban de Corcoesto
e falaban de cianuro.
No féisbuc é todo apuro,
no féisbuc hai moito xesto,
pero aquel falar funesto
falábanos de futuro.
Ánimo para os veciños
que podían ir á praia
pero andaron os camiños.
Ánimo ós de Verdegaia,
unha rosa entre os espiños,
unha luz, caia quen caia.
Novas relacionadas
- A mina de ouro: unha mostra de resistencia organizada.
- A loita contra a mina de Corcoesto colle tintes poéticos.
- Xurxo Borrazás tamén di non á Mina de Corcoesto.
- O BNG pide que a mina de Corcoesto non sexa a ceo aberto.
- Ata Galeano denuncia que a Mina de Corcoesto non cumpre a lei.
- O Goberno argumenta no Parlamento que a mina de Corcoesto creará 500 postos de traballo.
- ADEGA considera obsoleta a tecnoloxía da Mina de Ouro de Corcoesto.
- A febre do ouro exténdese a Zas mentres denuncian irregularidades no proxecto de Corcoesto.
- Os fumigadores si andan pola Costa.
- 1.300 sinaturas presentadas contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- A mina de Corcoesto chega ao Parlamento.
- Os veciños da Plataforma de Corcoesto denuncia prácticas intimidatorias do alcalde cabanés.
- Denuncian as falsas expectativas de emprego da mina de ouro de Corcoesto.
- A mentira das palabras máxicas .
- 04-05-12: Creada unha Plataforma contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- 12-03-12: Accidente laboral na mina de ouro Corcoesto.
- ADEGA espera para valorar o impacto da Mina de ouro de Corcoesto e enfróntase con La Voz.
- A mina de ouro de Corcoesto axiliza a súa posta en marcha co apoio das administracións e oposición dos ecoloxistas.
- O ouro de Corcoesto non brilla tanto.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).