Martes. 08.10.2024
El tiempo

Agora/Ágora, unha proposta anónima de participación cidadá dende a Costa para o mundo electoral

Agora/Ágora, unha proposta anónima de participación cidadá dende a Costa para o mundo electoral
Agora pola Participacion Cidada nos Concellos

Non podemos dicir que a Costa da Morte sexa o adaíl democrático de Europa. Temos demasiados exemplos de corrupción municipal que nos porían á cola dunha imaxinaria lista de zonas de descomposición política. Nunha zona onde o cemento e as farolas son sinónimos de votos, moito hai que facer, dende arriba pero tamén dende abaixo.

Pero atopamos propostas sorprendentes, que chegan en clave horizontal para intentar poñernos a todos a andar cara o camiño da democracia real e a Participación Cidadá. Precisamente ese concepto de participación cidadá é o central desta Agora/Ágora, esta declaración redactada anonimamente que recolle “os ventos arremuiñados que percorren a Costa da Morte”.

Sen entes, sen siglas, sen partidos, un grupo de persoas da zona veñen de facer este escrito co único afán de facerllo chegar aos Grupos políticos con representación nos Concellos da Costa da Morte. Esperan que hai algún que responda e que asuma este discurso como paradigma para levalo ao seu programa electoral.

A de Agora Agora

Non é máis que unha pequena, pero completa, guía de como instaurar a participación cidadá, a través duns Orzamentos Participativos (unha experiencia que xa se levou a cabo con éxito en zonas de Porto Alegre (Brasil), ou mesmo en San Sadurniño, Ferrol) nos que todos os veciños poidamos aportar as nosas ideas.

E comezan dende os Concellos pois son as entidades máis pegadas á veciñanza polo que se fai máis sinxelo participar directamente. “A cidadanía ten agora o protagonismo”, recordan os creadores desta proposta, que pretende ser unha ferramenta dinámica para que voltemos a intervir nos nosos futuros máis alá de meter un papel nunha urna cada 4 anos. A propia Constitución así o defende.

Veremos se hai algún partido que dá un paso adiante e nos permite compartir as decisións. Polo de pronto, en Cee o BNG presentou unha proposta semellante mentres que en Corcubión unha moi parecida saíu adiante, presentada polo BNG e cos votos a favor de PSOE e PP locais. É posible.

Pero ademais, xa saben que iso nos implicaría moito máis. Comecemos por empregar 5-10 minutos en ler, con calma, estas propostas. Verédesvos perfectamente reflexados, e ademais sacará en vós a responsabilidade de que tamén temos que participar na vida política, pois non vale protestar todo o día e despois refuxiarse detrás do voto cada 4 anos.

Máis información

Fonte

Comentarios