A Cidá de Borneiro volve vivir este sábado a singular celebración do ‘Castro Animado’
Este sábado, 11 de xullo, terá lugar unha nova edición do ‘Castro Animado’. A Cidá de Borneiro regresará á vida para achegar a todos os públicos o legado da cultura castrexa a partir das 17:00 horas.
O programa proponlle aos asistentes mergullarse na forma de vida dos antigos poboadores dos castros a través dunha variedade de propostas lúdicas. Entre elas figuran unha xuntanza e interacción cos habitantes doutros castros, así como unha recreación na croa do castro que permitirá reconstruír escenas da vida cotiá deste asentamento.

A gastronomía terá un papel destacado, cunha degustación da gastronomía cabanesa acompañada de bebidas castrexas. Ademais, o público poderá gozar de mostras de artesanía e cerámica, xogos populares a cargo de Miudiño e unha recreación histórica da man do Clan de Breogán.
A música asumirá tamén un protagonismo especial ao longo da xornada, coas actuacións dos Farrapos, As Lerchas, As Cantareiras de Anos, Son de Cabana e Felipe Mourelle. A xornada completarase coa animación de Cé Orquestra Pantasma e a actuación de A Vela Circo.
