As Letras Galegas visitan en maio todas as parroquias de Cabana de Bergantiños


As distintas seccións que enchen de vida durante todo o ano a Casa de Cultura (música, teatro, manualidades, turismo, informática, idioma estranxeiro e lingua galega) serán os principais axentes de dinamización cultural durante o mes das Letras Galegas en Cabana de Bergantiños. A particularidade está en que, durante sete días, amosarán o seu traballo ó longo de sete parroquias do municipio cabanés. Tamén interveñen como convidadas as escolas municipais de teatro de Ponteceso e Malpica de Bergantiños.
Este ciclo de actividades titúlase: «A Casa da Cultura vai por parroquias no mes das Letras Galegas en Cabana de Bergantiños. (Un percorrido multidisciplinar co fío condutor da lingua e da nosa literatura)». O eixo fundamental de cada xornada das Letras Galegas será o teatro e, arredor del, amósanse outras facetas creativas que teñen como obxectivo poñer en valor a tradición literaria, musical, fotográfica así como os recursos turísticos do territorio.
Todas as actividades comezarán ás seis da tarde e desenvolveranse nos locais sociais de Corcoesto, Neaño, A Mata, Boneiro, Canduas, Anos e Cundíns. No apartado de publicacións editarase unha folla voandeira con textos dos poetas populares cabaneses María Baña Varela, Hermosinda Varela Lema, Plácido Vigueret Villar e Saturnino Cuíñas Lois que se distribuirá en cada xornada vespertina. Ademais, realizarase unha exposición itinerante de paneis coas portadas das distintas publicacións editadas polo Concello de Cabana de Bergantiños.
A xornada inaugural terá lugar o vindeiro domingo 1 de maio no local social de Corcoesto. Comezarase cun recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Corcoesto. A Escola Municipal de Teatro representará O país dos mandóns e Bob Esponja e Flor Rodríguez Patiño desenvolverá un Obradoiro de inglés a través das novas tecnoloxías.
O sábado 7 de maio, a cita será no local social de Neaño. Comezará cun recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Cesullas. A Escola Municipal de Teatro representará Uns nenos un pouco rabudos e A princesa Amanda e Leonardo, o Poeta e Xosé Manuel Varela realizará un Obradoiro de coplas populares.
O domingo 8 de maio acudirase ó local social da Mata. Principiarase cun recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Riobó. A Escola Municipal de Teatro subirá ás táboas Os tres cabuxiños e A madición da bruxa e Javier Lozano García amosará os recursos turísticos de Cabana de Bergantiños mediante a proxección dos roteiros dixitais No confín dos verdes castros.
A seguinte sesión será a do sábado 14 de maio no local social de Borneiro. Abrirase cun recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Borneiro. A Escola Municipal de Teatro representará María e Manuela xa son maiores e A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella e o historiador Ángel Eiroa falará dos BIC (Ben de Interese Cultural) de Cabana de Bergantiños.
Para o domingo 15 de maio está programada a cita do local social de Canduas. De novo abrirase cun recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Canduas. A seguir, a Escola Municipal de Teatro escenificará O xuíz dos divorcios e Teresa Martínez Collazo, da Escola Municipal de Pintura, realizará un Obradoiro e exposición de pintura.
O martes 17 de maio acudirase ó local social de Anos. Iniciarase co recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Anos. A Escola Municipal de Teatro de Cabana de Bergantiños representará O Papón e a Escola Municipal de Teatro de Ponteceso, A familia Porcón. Por último, a Escola Municipal de Música, baixo a coordinación de Silvana Martínez Cambón, ofrecerá unha Actuación de canto tradicional.
A última cita do programa será a do domingo 29 de maio no local social de Cundíns. Comezarase co recitado cívico do cancioneiro popular da parroquia de Cundíns. A Escola Municipal de Teatro representará A xuntanza dos ratos e a Escola Municipal de Teatro de Malpica, Os manteis roubados. Finalizará Ángel Eiroa cunha Proxección sobre o fotógrafo José Eiroa Fondo.
A organización corresponde ó Departamento de Cultura, Educación e Normalización Lingüística, ó Departamento Municipal de Turismo e á Casa da Cultura. Conta co patrocinio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Programa de maio en Cabana

Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do Departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Cabana.