Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Cabana recupera á Orquestra Lira de Plata 50 anos despois

Cabana recupera á Orquestra Lira de Plata 50 anos despois

Continúa o completo programa de Inverno da Memoria do Concello de Cabana. E este domingo hai unha cita verbeneira, pero das de antes. O Centro Social dos Maiores (Neaño) acollerá a partir das 20.00 horas unha sesión para conmemorar os 50 ANOS da orquestra “Lira de Plata” (1962-2012).

Unha exposición fotográfica sobre os salóns de baile cabaneses locirá o centro, que contará cun tempo de lembranza aos músicos ou familiares vivos, pero tamén cun baile animado por Melchor (vocalista das mellores orquestras de Galicia).

E quen mellor que o cormelán Suso de Basilio, para contarnos a través do seu libro "A música en Corme", un pouco da historia da orquestra.

A historia da Orquestra Lira de Plata (1962-2012)

Fundada no inverno de 1962 contaba con Gabriel Lema Vecino como director.

Coa desaparición a finais do verán de 1962 da “Banda da Torre” de Laxe, que dirixía Gabriel Lema de Outrabanda, él mesmo funda no outono a pequena orquestra “Lira de Plata”. Era este un proxecto que xa tiña en mente facía un ano, cando mercara un equipo de son que constaba dun amplificador e un micrófono.
O seu nome vén precisamente da pequena lira que adorna simbólicamente a solapa das chaquetas dos músicos de banda.

Na súa primeira aparición en público formaban a orquestra o mesmo Gabriel co saxo tenor, José Pose Souto “Cristino de Neaño” -co saxo alto-, Manuel Vidal Pose (batería), Ovidio Varela Ordóñez da Meixoada (Cesullas) -trompeta-, Eliseo Vidal Pose -contrabaixo- e seu irmán Suso, que era o cantante.
Ensaiaban sobre todo na casa de Gabriel e tocaron en distintos salóns de baile da contorna: en Corme, no salón de Castrelo (Laxe), na vella sala de Mira en Baio...

Como non, tamén animaban as festas parroquiais cando estas comezaban sobre as 10 da noite e remataban sobre as 2 como moito tardar, ás veces cun sinal da parella da garda civil. Eran festas diferentes ás de hoxendía nas que tocaba unha orquestra por noite, aínda que non eran menos concurridas. Algún dos membros da Lira de Plata aínda recorda tocar nun enxebre escenario de madeira e enchendo ata os topes a vella praza de Laxe. O seu repertorio iba desde pasodobles como “Campanero jerezano” ata música tropical como “Moliendo Café”. Non deixaban de tocar música de banda, coñecida por todos, pero a orquestra tamén daba a posibilidade de atreverse con outros temas e variar o repertorio.

Un par de anos máis tarde das primeiras actuacións da Lira de Plata, xa atopamos cambios na formación, na que aparece un xoven Jesús Couto -acordeón- e “Papiri” -cantante e guitarra e coñecido sobre todo polas súas actuacións no salón de Caravel, no Penedo. Esta formación duraría ata finais de 1966, cando Jesús Couto decide crear o seu propio grupo “Os Bardos” e Gabriel dada a súa idade, decide abandonar o mundo orquestral.

  • Información extraída do libro “A música en Corme”, de Jesús Méndez Torrado e de enquisas orais ós músicos vivos e familiares.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Cabana da man de Xosé María Varela.

Comentarios