Venres. 11.10.2024
El tiempo

Cabana tamén sofre os recortes en educación: Desaparece o CRA Os Remuíños

As EEI de Neano Cundis e Anos formaban o CRA Os Remuinos de Cabana
As EEI de Neaño Cundíns e Anos formaban o CRA Os Remuiños de Cabana. Só queda aberta a de Neaño, agora dependente do CRA Nosa Señora do Faro
Cabana tamén sofre os recortes en educación: Desaparece o CRA Os Remuíños

Xa coñecimos polo miúdo o peche de dúas Escolas Unitarias de Carnota, pola falta de matrículas. E mesmo asistimos á integración dunha escola de Santa Comba nun CRA coristanqués.

A política de desmantelamento do ensino no rural galego continúa amparada, iso si, na perda poboacional. As escolas carnotás non chegaban ás 6 matrículas, o tope mínimo imposto pola Xunta para manter abertas as Escolas de Educación Infantil, por iso son 2 das 7 EEI que pechan en Galicia.

Outras non pechan oficialmente, pero si se integran noutras. Son un total de 67 as unidades escolares que a Xunta reagrupa, sendo a Costa da Morte unha das zonas que máis sofren estes recortes.

Ademais desa chamada fusión CRA de Coristanco - Santa Comba (a última en “fundirse” é a EEI As Lañas de Santa Comba, e pasa a ter 6 unidades, coa de Busto, Mallón, Ova, Rabadeira, San Paio e Xaviña), tamén hai novidades en Cabana. A EEI de Neaño (tamén de Cabana) pasa a integrarse no CRA Nosa Señora do Faro, do Concello de Ponteceso. Un Colexio Rural Agrupado que pasa xa a contar con 8 unidades (Brantuas de Arriba, Campara, o Campelo, Froxán, O Souto, Neaño, Mens, Pazos).

Deste xeito, desaparece definitivamente o CRA Os Remuíños, do Concello de Cabana, outro dos concellos máis afectados de Galicia. Hai dous anos pechara a Escola de Anos, este pasado xa non abriu a de Cundíns, e este ano a de Anos (as tres forman o CRA) pasa a depender do centro pontecesán. Agora, as familias cabanesas poden ir ao CEIP de Cabana ou ao centro rural agrupado do concello veciño.

Críticas do PSOE

Os primeiros en alzar a voz ante a publicación no DOG destes movementos, son os membros do PSOE; que denuncian “o novo castigo ao rural e ao conxunto do ensino público” do mapa de centros educativos da Xunta. “Un curso máis, chegan os recortes, que afectan ademais a zonas con risco de despoboación”, critica Antonio Álvarez, secretario de Ensino na Executiva Provincial do PSdeG. “Reducindo os servizos, é difícil atraer xente aos municipios pequenos”, advirte.
“Con menos centros, menos profesores e menos recursos cada ano, o resultado é unha menor calidade no ensino para os nosos fillos”, afirmou Antonio Álvarez.

Novas relacionadas

Comentarios