martes. 07.07.2026
El tiempo

Acordo para a humanización da praza de Vigo de Carballo

Praza de Vigo de Carballo.reforma
Acordo para a humanización da praza de Vigo de Carballo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaba onte co alcalde, Daniel Pérez, o convenio de colaboración que permitirá executar as obras de reforma integral da Praza de Vigo. A actuación conta cun orzamento de 337.500 euros, dos cales a institución provincial achegará o 80%, mentres que o Concello asumirá a contía restante con fondos propios.

O obxectivo principal do proxecto, redactado polo arquitecto José Carlos Seoane, é resolver as carencias actuais da praza, que dá servizo non só á veciñanza senón tamén ás persoas usuarias do centro de día e da residencia de maiores situados nela,, para transformala nun espazo de prioridade peonil e totalmente accesible.

Nese aspecto incidiu o alcalde: "Esta obra está pensada para eliminar barreiras arquitectónicas, para mellorar a accesibilidade e tamén para mellorar os servizos públicos desa zona, polo tanto non só vai mellorar a vida das persoas residentes nese ámbito senón tamén das usuarias da residencia e do centro de día de maiores".

A obra

  • Plataforma única e reordenación do tráfico: eliminaranse as barreiras arquitectónicas unificando as cotas de toda a superficie. O tráfico rodado de paso quedará restrinxido, reservando o acceso exclusivamente a residentes e usuarios/as de garaxes e a vehículos adaptados do centro de día e da residencia.
  • Novos pavimentos e mobiliario: a proposta combina un pavimento continuo de formigón con zonas de pedra natural. Está previsto instalar unha zona de bancos, entre eles un de granito de grandes dimensións, e unha pérgola para crear unha zona de estancia e de sombra.
  • Renovación de servizos básicos: substituirase a antiga rede de pluviais de formigón por unha nova de PVC de maior diámetro para mellorar a drenaxe. Así mesmo, dotarase a praza dunha nova rede de alumeado público con luminarias LED de última xeración.
  • Mellora ambiental: o proxecto inclúe unha zona de céspede e a plantación de seis novas árbores para substituír ás deterioradas palmeiras.

Comentarios