Cogami interésase polo traballo da Asociación Íntegro
Íntegro está inserida na rede Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). Por iso foi tan especial a visita que recibíu a Asociación cabanesa este pasado venres. O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila, e Manuel Laureano Caamaño, responsable da área de Fortalecemento do Movemento Asociativo (FMA) da entidade, desprazáronse ata as nosas instalacións de Nantón para coñecer de primeira man o funcionamento do noso centro de recursos así como as súas principais necesidades, actuais e futuras. Esta xuntanza, na que estiveron presentes o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, xunto co vicepresidente, Ramón Pombo, e a práctica totalidade dos membros da directiva e traballadores, desenvolveuse nun ambiente distendido e moi familiar dada a estreita relación que une a ambas agrupacións.
Durante a reunión, o máximo responsable de COGAMI fixo especial fincapé “na importancia de dar visibilidade a todas as persoas con diversidade funcional que non acoden aos centros especializados ou que, simplemente, non teñen a valoración de dependencia requirida”, matizou. Deste xeito, preténdense abrir novas liñas de actuación con accións encamiñadas a atender a persoas con discapacidade que non atopan nun centro de día ou ocupacional unha axeitada adecuación ás súas características ou necesidades específicas.
Facéndose visibles
Por outra banda, os responsables de Integro aproveitaron a ocasión para dar a coñecer a súa “aposta pola visibilidade” con campañas de concienciación e divulgación, intensificadas nos últimos meses con programas educativos de prevención, charlas e xornadas destinadas a pór en valor na sociedade conceptos tan básicos e fundamentais como a diversidade, a igualdade ou a inclusión cunha mención especial ao proxecto Capacita-T, que tan boa acollida está a ter nos municipios da contorna. Non faltaron ademais alusións aos novos proxectos así como o programa de actividades previsto para o 2016.
Esta primeira toma de contacto forma parte dunha rolda de visitas que, durante o presente ano, Anxo Queiruga acompañado polo responsable do FMA, vai realizar polos diferentes centros de recursos das asociacións pertencentes a COGAMI. Dende a Asociación Íntegro agradecemos a súa presenza en Nantón e agardamos con ilusión a posta en marcha de novas liñas de traballo conxuntas en favor dunha maior visibilidade social para os colectivos de persoas con diversidade funcional.
Novas relacionadas- Íntegro avanza cara a Inclusión a base de experiencias persoais.
- Íntegro imparte en Malpica un curso de colocación de pladur e de pintura
- Íntegro recibe o apoio da Deputación da Coruña
- Íntegro prepara un completo programa para o Día da Inclusión
- Unha Carreira para integrar.
- Os discapacitados somos nós.
- 40 persoas con discapacidade insertáronse en Bergantiños a través de COGAMI.
- Íntegro normaliza a diferencia na Diversiescola de Carballo.
- 2014: Íntegro, Adisbismur, Ambas e Misela celebraron o Día da Inclusión en Ponteceso.
- 20 anos de integridade dende Cabana para toda a Costa da Morte.
- Redacción QPC ([email protected])
- Íntegro