Venres. 19.04.2024
El tiempo

Concentración da veciñanza de Corcoesto e Langueirón para pedir o arranxo da ponte de Xabarido

IMG-20190811-WA0008
"Que se arranxe xa a Ponte do Xabarido" ou "Esta ponte é un perigo" foron os lemas da concentración do sábado.
Concentración da veciñanza de Corcoesto e Langueirón para pedir o arranxo da ponte de Xabarido

A veciñanza de Corcoesto (Cabana de Bergantiños) e Langueirón (Ponteceso) saíron á rúa o pasado sábado para pedir a execución das obras da ponte do Xabarido que une aos dous concellos bergantiñáns. A Deputación da Coruña xa licitara a obra no ano 2018 pero, "a ponte aínda non foi arranxada e parece demorarse indefinidamente", apuntan desde a Asociación Petón do Lobo.

Antecedentes

En xullo de 2015, a Deputación da Coruña comunicaba ao Valedor do Pobo a elaboración do proxecto de reparación da ponte de Xabaridoque une o concello de Ponteceso co de Cabana de Bergantiños, entre as parroquias de Langueirón e Corcoesto, para solucionar as anomalías detectadas na infraestrutura.

En agosto do 2018 a Deputación publicaba na Plataforma de Contratación do Estado a licitación da obra por importe de 568.450 euros. Nese mesmo ano, e durante unha visita institucional á ponte de Xabarido, o presidente provincial Valentín González Formoso comentaba a necesidade de "eliminar un punto negro de tráfico", debido ao estreitamento da estrada que non permite a circulación de dous coches simultaneamente e que, ao mesmo tempo aludía á necesidade de que as obras "contribuisen a dar unha solución definitiva aos problemas de fisuras e gretas existentes na estrutura".

A nova ponte contaría con unha plataforma de 10 metros e birarrúa. As obras consistirían na demolición practicamente completa da actual ponte, que conta con un único vano de 19 metros, unha plataforma moi estreira e un deterioro considerable nas zonas de apoio dos estribos, e a súa posterior reconstrución, aumentando o ancho da calzada e a sección hidráulica de desaugadoiro.

Posteriormente a obra era adxudicada e o 3 de decembro de 2018 o Presidente da Deputación e o alcalde de Ponteceso convidaban aos veciños a coñecer os detalles do proxecto. A execución das obras previstas para xaneiro de 2019, quedaban despois demoradas ao mes de xuño. 

Actualmente non se sabe nada do estado actual das obras e a Deputación tampouco proporciona información ao respecto. "A ponte representa un perigo serio para o tráfico sobre todo polas fisuras dos piares. Pedimos unha solución", apunta a través dun comunicado a asociación ambiental.

Comentarios