Conta atrás para a I andaina solidaria “Por un millón de pasos” de Íntegro que unirá Cabana e Ponteceso
O vindeiro 5 de outubro, as localidades de Ponteceso e Cabana converteranse no escenario da primeira edición da andaina solidaria Por un Millón de Pasos, un evento aberto á participación de toda a comunidade que promete converterse unha xornada chea de deporte, diversión e solidariedade.
O evento, organizado pola asociación Íntegro en colaboración con Máis Porvir Xestión Social S.L.U., e os concellos de Ponteceso e Cabana, ten como obxectivo compartir novas experiencias coa veciñanza e poñer en valor o patrimonial natural da nosa contorna e a súa accesibilidade para todos e todas. Ademais, os fondos recadados irán destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.
A andaina, de dificultade baixa e un percorrido de catro quilómetros, dará comezo ás 16:30 horas na Praza do Pendón, en Cabana de Bergantiños, e finalizará na Praza do Recheo, en Ponteceso. A ruta, que transcorrerá maioritariamente polo paseo de Cabana, é apta para todas as idades. Ademais, a entidade facilitará medios técnicos de apoio e transporte para promover a participación de todas as persoas que desexen unirse. Durante a ruta, proporcionarase avituallamento (auga, froita e doce) a todos os/as participantes para coller folgos durante o camiño.
A xornada rematará ás 19:00 horas cun concerto do grupo "Versión Imposible", que poñerá o broche de ouro na Praza do Recheo a un día dedicado á solidariedade e á inclusión.
Inscricións
As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse chamando aos teléfonos 981 73 49 85 ou 650 961 649. Con cada inscrición, que ten un custe de 5 euros, farase entrega dunha camiseta conmemorativa e unha viaxe no tren turístico que ese día estará percorrendo a localidade pontecesán. Ademais, haberá agasallos, cedidos por empresas colaboradoras e outros elaborados no noso centro ocupacional, para os/as participantes que se animen a facer o percorrido con elementos decorativos ou disfraces na cabeza. A organización premiará a orixinalidade dos deseños e a quen o faga en grupo (a modo de comparsa). Valorarase a utilización de materiais sostibles e reciclados.