Denuncian as falsas expectativas de emprego da mina de ouro de Corcoesto
Xa está en loita a recentemente creada Plataforma en Defensa de Corcoesto. Unha Plataforma creada a raíz do novo proxecto mineiro nos montes cabaneses, xa en marcha, para a extracción de ouro.
Nesta ocasión, dende a Plataforma quere facernos chegar as súas críticas ante un dos alicerces fundamentais nos que se basea a defensa desta clase de proxectos, e do proxecto mineiro concreto en Corcoesto: "a promesa da creación de emprego local".
É un dos argumentos mellor exprimidos para esta clase de proxectos empresariais, como xa dábamos conta coas piscifacotorías, facendo unha reflexión sobre o poder das palabras máxicas: "creación de emprego".
Para a Plataforma as cifras que baralla a empresa Canadense Edgewater (agora chamada Mineira de Corcoesto) e que están prantexando aos veciños, "só crean falsas expectativas de emprego locais". I é que segundo sinalan "non se axeitan á cualificación profesional dispoñible entre a veciñanza dos Concellos afectados (Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco). É dicir, non supón unha creación real de postos de traballo locais.
A empresa fala de 271 empregos que se van crear, pero tras estudar o proxecto sometido a exposición pública, destacan que "soamente uns 20 son susceptibles de ser ocupados por parados do Concello de Cabana e limítrofes".
I é que "o resto dos empregos previstos están destinados a enxeñeiros de minas, topógrafos, xeólogos, técnicos de seguridade e medio ambiente". A meirande parte destes e dos técnicos de medio ambiente, técnicos de prevención
de riscos laborais e de seguridade e saúde laboral, ou persoal do departamento financeiro e recursos humanos... serán traballadores da propia empresa, e para os veciños quedarían "3 ou 4 postos de recepción e limpeza".
Así con todos os sectores da mina, como na dirección, operarios de máquinas, condutores, enxeñeiros en voladuras... moitos números pero poucos veciños coa preparación específica para a ocupación deses empregos.
Visita da USC
Cada domingo, entre as 11:00h e as 13:00h, a Plataforma artella xuntanzas veciñais informativas no Local Social de Corcoesto. Na xornada desta pasada semana recibiron unha visita especial, a de Xoán Doldán, Profesor de Economía Aplicada na USC, orixinario desta comarca.
Segundo sinalan dende a Plataforma, a visita serviu para romper moitos tópicos sobre a creación de emprego. Un clásico nesta clase de promesas é o comer un e contar 20, que dirían en clave de parchís. I é que ao parecer é legal asegurar que "se eu contrato a 3 persoas durante 3 mes para realizar un traballo, outras 3 durante 4 meses, e outras 3 durante 5 meses... podo dicir que estou creando 9 postos de traballo para un ano".
Foron moitos os veciños que se achegaron poll Local Social, e moitos os que non querían escoitar. Pero as verbas de Doldán eran claras: "as promesas de creación de emprego son ficticias".
Máis información
- DOG: exposición pública do Proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e plan de restauración.
- Grupo de Facebook Corcoesto: non todo é brillo no ouro.
- Verdegaia: A minería de ouro en Corcoesto: grave perigo ambiental.
- Edgewater: Presentación sobre a Mina de Corcoesto.
Novas relacionadas
- A mentira das palabras máxicas .
- 04-05-12: Creada unha Plataforma contra a Mina de Ouro de Corcoesto.
- 12-03-12: Accidente laboral na mina de ouro Corcoesto.
- ADEGA espera para valorar o impacto da Mina de ouro de Corcoesto e enfróntase con La Voz.
- A mina de ouro de Corcoesto axiliza a súa posta en marcha co apoio das administracións e oposición dos ecoloxistas.
- O ouro de Corcoesto non brilla tanto.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).