A Deputación avalía a reforma da cuberta do Dolmen de Dombate e formula a musealización do 2026

Visita do deputado de Patrimonio, Xosé Penas, ao Dolmen de Dombate este pasado mártes para avaliar próximas actuacións para o mantemento do centro arqueolóxico. Acompañárono o xefe de arquitectura da Deputación, Daniel Beiras, e a técnica de arquitectura Marina Cabana, nunha visita á que se sumou o alcalde de Cabana, José Muíño.
A intervención máis urxente é a reforma da cuberta, que se licitará no vindeiro mes de setembro, segundo adiantou Penas. “Polo seu estado de evidente deterioro”, sinalou o deputado, “é a obra que máis nos preocupa, pero tamén cremos necesario acometer canto antes outras menores, coma a mellora dos accesos ao centro, a modernización dos lavabos, a limpeza da contorna, a posta en marcha de materiais divulgativos sobre o parque e o redeseño da cartelería.
Penas e Muíño falaron ademais de futuros usos para o centro de interpretación. “Tal e como se acordou na última xuntanza dos concellos adscritos ao Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa de Morte, as instalación do centro de interpretación de Dombate servirán tamén como punto de saída dos visitantes”. “No horizonte”, engadiu, “está actualizalo de cara ao noso gran obxectivo de musealización do espazo, no ano 2026”.