Días de actividade no Concello de Cabana

Moita actividade no Concello de Cabana estes días. Ademais do peche do curso da Escola Municipal de Manualidades (agora toca Verán Cultural), marchamos de ruta de sendeirismo cos maiores do Concello e rendimos homenaxe aos mestres do CPI As Revoltas.
Clausura da Escola Municipal de Manualidades

Na tarde do pasado xoves 30 de xuño, as alumnas da Escola Municipal de Actividades e a súa mestra María Teresa Martínez Collazo realizaron o acto de clausura dun ano máis de actividades. Ó acto acudiu o edil de Cultura e Deportes do Concello de Cabana de Bergantiños, Perfecto Vázquez Lavandeira, que entregou diploma de asistencia a cada unha das once alumnas deste curso.
Así, desde o pasado mes de outubro ata o de xuño aprenderon ou continuaron a súa aprendizaxe en pintura en tea ou en mantelerías María Carmen Trigo Verdes, María Carmen Verdes Verdes, Pura López Estraviz, María Carmen Lema Lema, María Pose Ramos, Mercedes Fondo Cambón, Josefa Pérez Rancaño, Beatriz Bello Fernández, Encarna Fariña Suárez, María Elvira Centeno Neira e Placeres Calvo Costa. A maioría das alumnas son naturais das distintas parroquias de Cabana, aínda que tamén as hai de Malpica de Bergantiños, Laxe, Ponteceso e Corme. Este ano déronse de baixa os dous homes que acudían en anos anteriores.
Unha mostra do seu traballo púidose ver na casa cultural de Canduas durante a celebración do Día das Letras Galegas. A produción por alumna vai dos seis ós 10 cadros tanto en formato pequeno como grande.
O acto de clausura tivo lugar na aula de cestería Emilio Pérez Lema, na planta baixa da Casa da Cultura. Ademais dos diplomas, puidéronse degustar uns saborosos doces caseiros elaborados polas propias alumnas. Houbo mesmo quen lle solicitou a Perfecto Vázquez para o vindeiro curso realizar unhas sesións de elaboración de repostería.
Andando polo pasado do rego dos Muíños

A cita que tiveron os maiores de Cabana con sendeirismo foi moi madrugadora pois xa ás 9.45 da mañá tiña inicio, desde a Casa do Concello, a primeira das rutas que darán a coñecer as persoas maiores do Centro de Día de Neaño ou doutros concellos da volta os elementos patrimoniais de Zas, Laxe, Cabana e Ponteceso.
No caso de Cabana de Bergantiños, os asistentes andaron desde o presente ata o pasado máis remoto, dado que subiron polo rego dos Muíños, no que contemplaron un completo e variado conxunto etnográfico de muíños de regato ademais de flora e fauna de río. Despois achegáronse ó castro A Cidá de Borneiro e ó dolmen de Dombate. Neste último, xacemento arqueolóxico puideron comprobar o estado actual das obras que o converterán nun dos referentes turísticos da Costa da Morte e mesmo de Galicia.
Pero os maiores non estiveron sós xa que de explicarlles todo o que pasaba por diante dos seus ollos se encargou o técnico municipal de turismo, Ángel Eiroa Pose. Ademais, estaban ben acompados polas monitoras e directora do Centro de Día, así como por Cristina Morandeira, educadora familiar do concello.
Os vindeiros xoves deste mes de xullo estas rutas de sendeirismo proseguirán polos concellos de Zas, Ponteceso e Laxe.
Homenaxe aos mestres das Revoltas

Dulce María Vidal Gallego e Juan Ignacio Donesteve Varela de Limia, ambos profesores do CPI As REvoltas durante máis de 10 anos recibiron na mañá do pasado xoves 30 de xuño unha pequena homenaxe institucional por parte do Concello de Cabana de Bergantiños.
O acto realizouse no salón de plenos do Concello e estivo presidido por Perfecto Vázquez Lema, concelleiro de Cultura e Deporte, e por Francisco Luís Abella Cruz, actual director do CPI As Revoltas. Ademais, estiveron presentes unha trintena de profesoras e profesores pertencentes ó claustro do colexio. Os homenaxeados recibiron de mans do concelleiro unha réplica do dolmen de Dombate. Para finalizar a sesión, brindouse con champán e degustáronse uns doces.
Novas relacionadas
- O lume que arrasou Cabana por mor dos fogos de artificio.
- Un campo de traballo para a mocidade será a estrela do Verán Cultural 2011 en Cabana de Bergantiños.
Fonte
- Nota de prensa do Departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística de Cabana.