O lume que arrasou Cabana por mor dos fogos de artificio

- Galería de fotos de Juan M. Trillo.
Máis de 100 hectáreas de arborado arrasadas, segundo as primeiras valoracións, e un lume que se achegou máis do axeitado ás casas. A parroquia de Cundíns, en Cabana de Bergantiños vivía na tarde de onte un episodio terrorífico. Unha tarde de lumes que tamén influíu en Ponteceso e no Cabo Fisterra
A estampa cabanesa tiña tintes de guerra, xa que varias Unidades Militares de Emerxencia tomaron a zona. En total foron 6 axentes forestais, 5 brigadas, 2 motobombas, 1 pala, 7 helicópteros e 1 avión os que traballaron ata á 1:00h do mércores 29 de xuño para controlar o lume (aínda non está completamente extinguido segundo as informacións de Medio Rural ás 17:00h do xoves).
Prohibido lanza fogos de artificio
O Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, fixera hai un mes unhas valoracións nas que aseguraba que o 80% dos lumes rexistrados en Galicia son provocados. Isto implica que ben poden ser intencionados ou derivados de malas prácticas, como as churrascadas, ou os fogos de artificio.
Precisamente a causante do lume cabanés, así como da Baña, foi unha chispa dos fogos de artificio das festas parroquiais. E ante esta circunstancia a Xunta vén de anunciar a suspensión dos fogos de artificio en todo o país ata que cambien as condicións metereolóxicas, pois o vento de nordés expande o lume e o fume facendo que o fume chegue dende Cabana de Bergantiños ata a mesma ría de Corcubión.
A prohibición seguirá en vigor a partir deste venres e durante todo o verán naqueles concellos nos que o Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) estea no nivel extremo, como en toda a Costa da Morte.
Ademais, a Xunta advirte aos Concellos, indicando que en caso de incendio provocado por este asunto, a responsabilidade será municipal. Avisan de que "os permisos que se concedan para lanzar fogos por parte dos concellos estarán suxeitos á súa responsabilidade no caso de que non se atenda esta recomendación da Consellería".
Primeiros detidos
Se por Fisterra xa hai un imputado pola churrascada que provocou o lume da praia Langosteira, a Xunta vén de anunciar a detención do suposto lanzador de fogos de artificio que provocou outro dos lumes que acosan aos montes do noso país.
Novas relacionadas
- 29-06-11: Novos lumes en Cabana, Ponteceso e Fisterra:
- 28-06-11: O lume da praia da Langosteira cóbrase un detido.
- 21-06-11: O lume chega á Costa.
- 05-05-11: Primeiras detencións na Costa por sendos incendios en Cabana e Muxía.
- 27-09-10: Unha muller detida en Muxía como suposta autora de 3 incendios.
- 02-08-10: Arde a Costa da Morte.
- 31-08-10: As lapas cercan o Faro Fisterra .
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Fotos de Juan M. Trillo.