Do espantallo tradicional ao Espantallo 2.0
09:10 29/11/16
Natalia Fariña gañou o segundo posto no Galiciencia 2016 co proxecto "Espantallo 2.o"
Natalia Fariña Mata, alumna das aulas científico-tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Pontecso, vén de gañar o segundo posto no Galiciencia 2016 co seu proxecto "Espantallo 2.0"; un "boneco" pouco convencional co que xa conseguiu espantar os paxaros das leiras dos seus familiares. "Probámolo en varias leiras e funciona mellor ca o espantallo tradicional", asegura Natalia que estuda 4º da ESO no CPI As Revoltas.
O "Espantallo 2.0" leva incorporadas unhas luz led, un buzzer e un sensor de movemento
O "Espantallo 2.0" ten unha estructura de forma piramidal deseñada en SketchUp, impresa en 3D e cuberta con papel reflectante para molestar a vista dos paxaros. Ademais, o invento ten incorporados uns leds ultravioletas que facilitan que o papel reflicta cando non lle dea o sol. "No interior leva unha placa electrónica na que están conectadas as luces, un buzzer e un sensor de movemento", explica Natalia. Ao mesmo tempo, a nova investigadora construiu un espantallo tradicional con roupa vella e comparaounos. "Despois de probalos en distintas leiras, comprobamos que o 2.0 é máis eficaz que o espantallo convencional", asegura.
.
Natalia Fariña deseñou unha estructura piramidal en SketchUp
Premio
Con este traballo, Natalia recibiu un reloxo intelixente e 500€ para asistir á feira científica vasca homóloga do Galiciencia. Ésta xa non é a primeira vez que esta alumna de Cabana se presenta a un concurso deste tipo; xa que en abril deste ano acadou o 3º posto do XVII Premio Luis Freire convocado polos Museos Científicos Coruñeses.
No Galiciencia 2016, Natalia competiu con outros 50 traballos de alumnos de secundaria e bacharelato de toda a comunidade. O gañador do primeiro premio foi Manuel Porto, alumno do colexio Compañía de María de Santiago de Compostela, co seu proxecto "Nin unha gota máis"; un innovador sistema de aforro de agua no fogar.
Durante os tres días que durou Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2000 persoas. O evento estivo organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, coa colaboración da consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Fecyt -.
Novas relacionadas
- O Bordón Multitono, o invento que revolucionará o mundo da gaita, D.O. carballés
- Un premio para os cibermentores doadores de Fisterra
- Redacción QPC ([email protected])