Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Dombate vivirá un completo verán

AF_VERÁN EN CABANA TRÍPTICO (2)_page-0002
Dombate vivirá un completo verán

O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate contará cunha diversa programación durante este verán. Citas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns, visitas guiadas nocturnas, actuacións musicais obradoiros ou a ruta das estrelas serán algunhas das citas singulares.

A primeira cita será o sábado, 2 de xullo, con ‘No tempo das pedras’, a primeira das oito visitas teatralizadas da man de Os Quinquilláns. As vindeiras citas desta actividade desenvolveranse ao longo dos sábados de xullo, días 9,16, 23 e 30, así coma os días 13, 20 e 27 de agosto. Todas elas contarán con dous pases, un inicial ás 18.00 e o segundo ás 19.30 h.

Ademais, a música será a protagonista no Dolmen grazas aos ‘concertos con encanto’ de Iria Estévez con Clave de Fa-Do, o venres 15 de xullo, do trío folk ‘Atrio’ o 12 de agosto, e do Grupo de música antiga 1500 coa colaboración de Lorina Vallester do Vivid Consort, integrado no programa ‘Contar cantando’, que ofrecerán cancións e romances medievais e renacentistas o venres 26 de agosto.
Todas estas actuacións terán lugar ás 22.30 horas e para asistir será preciso inscribirse chamando ao 981 754 020.

A programación cultural no recinto arqueolóxico tamén incluirá a masterclass ‘O mundo dos instrumentos tradicionais de arco’, onde se impartirán nocións sobre artefactos musicais desta índole.

O prato forte da programación no Dolmen de Dombate terá lugar na noite do martes 16 de agosto cando se celebrará a ‘Ruta das estrelas’, unha iniciativa que incluirá unha ruta polos montes de Borneiro a partir das 22.00 horas encabezada polo catedrático en física Jorge Mira na que as persoas participantes poderán coñecer de primeira man nocións sobre astronomía mediante a observación dos ceos cabaneses.

AF_VERÁN EN CABANA TRÍPTICO_page-0001

Visitas guiadas

Ademais da programación cultural, o Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate acollerá un ano máis visitas guiadas diarias desde o 1 de xullo ata o 15 de setembro en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Do mesmo xeito, o recinto tamén recibirá visitas guiadas nocturnas, de 23.00 a 24.00 horas, os días 8 e 22 de xullo e o 5 e 19 de agosto.

Romarías

As romarías tamén serán un dos principais atractivos do verán cabanés cunha programación que incluirá festexos en Carme do Briño o luns 18 de xullo coa banda de música Eduardo Pondal, o 23 de xullo en Santa María do Muíño con O Son do Castro e o 1 de agosto en San Fins do Castro, declarada de interese turístico que contará coa música de Os Farrapos, a Coral de Cesullas, a banda Eduardo Pondal e O Son do Castro.

O 6 de agosto volverá unha das festas máis singulares de Cabana de Bergantiños, a décimo terceira edición da ‘Tarde - Noite no Medievo’ levará á parroquia de Riobó de volta á Idade Media nunha xornada que contará con artesanía, gastronomía, xogos, a pitanza do Santo e, por suposto, co regreso das prevodas medievais. Irma Macías, vocalista de Luar na Lubre será a encargada de ler o pregón, mentres que a Banda de Gaitas Inllar, a Banda de Balbina, Arredores, Os Quinquilláns, O Son do Castro e Os Farrapos serán os encargados de animar o evento.

Finalmente, o sábado 27 de agosto a praza do Lodeiro de Canduas pechará a programación cultural de verán con ‘Alquimia II’, o espectáculo do mago Teto que terá lugar a partir das 20.00 horas.

Máis citas

Ademais, o domingo 3 de xullo, a praza de Neaño acollerá a proxección do filme Trouble ás 22:15 horas e o 20 de agosto será quenda dunha nova cita cinematográfica co visionado da película Mi amigo pony na pista polideportiva de Anos, tamén ás 22.15 horas.

O 9 de xullo Borneiro será escenario novamente da popular celebración do ‘Castro Animado’ nunha xornada que contará con recreacións castrexas, espectáculos circenses da man de Forzu2 de Circo Chosco, visitas animadas co Castrexo Borneiro e as actuacións musicais de O Son do Castro e Carapaus.

Comentarios