Íntegro e o Concello de Carballo dan forma a novas formacións da Escola de Familias
Que necesarias son estas Escolas de Familias que lanzan entidades como Íntegro, o Concello de Carballo ou Vieiro. Iniciativas dirixidas a proporcionar apoio, formación e espazos de reflexión para as familias interesadas en ampliar coñecementos sobre coidados, inclusión e recursos dispoñibles no ámbito social e sanitario.
Se a asociación carballesa ten varios grupos formados por toda a comarca, esta semana arrincan novos programas da homóloga cabanesa e do concello de Carballo.
Escola de Familias de Íntegro
Este xoves 21 de novembro arrinca a nova programación da Escola de Familias da Asociación Íntegro para o período 2024-2025. A primeira das 4 accións que se desenvolverán nestes meses é un Faladoiro sobre disfaxia, impartido por Fátima Trigo Mallo, logopeda, en horario de 11:00 a 12:30 horas.
Para o venres 13 de decembro, a entidade organiza tamén no seu centro de Nantón, un "Faladoiro xurídico: Lei 8/2021", impartido por María Cotón, asesora xurídica da Fundación Paideia, de 11:00 a 12:00 horas.
Ese mesmo día, a partir das 12:00h e ata as 13:00, haberá un Faladoiro: As familias, un piar fundamental, a cargo de María Luisa Fernández, quen presentará o seu libro “Una sola persona es todo el mundo”.
Para o 3 de xaneiro organizan un Obradoiro sobre produtos de apoio, impartido por Silvia Grille Lema, Lucila Mendoza Canosa e Virginia Vázquez Varela, terapeutas ocupacionais, en horario de 16:00 a 17:30 horas.
E o 14 de febreiro remata esta serie cun Faladoiro “Coidando a quen coida”, a cargo da psicóloga María Redonda Bujeiro, en horario de 16:00 a 17:30 horas.
É obrigatoria a inscrición individual, habendo un formulario de inscrición para cada sesión, que podedes solicitar en 981 734 985 ou en [email protected], ou atopar nas redes sociais da entidade.
Educación Sexual en Carballo
Paralelamente, este venres 22 de novembro, ás 17:30h, as Escolas do Xardín Agra de Caldas acolle unha nova xornada da Escola de Familias carballesa, enficada á educación sexual. Unha charla que busca que as familias interioricen que a sexualidade é unha dimensión das persoas que vai dende o nacemento ata a morte e que existe unha gran diversidade na forma de vivila e de expresala, así como nas formas de ser e de relacionarse. Así mesmo, destacarase a importancia do establecemento de vínculos sans, respectuosos e baseados no bo trato.
Nela tratarán de respostar a preguntas como "Educamos por igual a nenos e nenas no plano afectivo sexual?", "Envíamos os mesmos mensaxes a nenos e nenas?", "Fomentamos una axeitada autoestima nas crianzas?", "Falamos de afectividade e sexualidade cas crianzas?", Como podemos facelo?"
Inscrición de balde en [email protected]