Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Íntegro lanza unha campaña para favorecer o turismo accesible

O CMA turismo para todas trátase dunha área de traballo orientada a estudar, avaliar e promover unha sociedade máis inclusiva e igualitaria en materia de accesibilidade universal na Costa da Morte
Tríptico Turismo Sostible Integro  CMA2023
Íntegro lanza unha campaña para favorecer o turismo accesible

Na actualidade, Galicia é a comunidade autónoma con maior número de persoas con discapacidade (116 por cada 1.000 habitantes) e, en comparación co resto de España, sitúase moi por debaixo da media en materia de accesibilidade. Na Costa da Morte, arredor de 9.385 persoas posúen un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, segundo datos de 2022.

Ante esta situación, desde a asociación Íntegro creouse unha área de traballo destinada a estudar, avaliar e promover unha sociedade máis inclusiva e igualitaria en materia de accesibilidade universal na Costa da Morte: o CMA Turismo para todas, desde onde se impulsan iniciativas específicas para a mellora do turismo accesible na nosa contorna e se ofrece asesoramento profesional en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras a empresas, asociacións e institucións públicas e privadas.

Campaña divulgación

Para dar a coñecer esta nova liña de traballo, o departamento de accesibilidade de Nantón vén de poñer en marcha unha campaña de divulgación, a través da edición dun folleto informativo que se distribuirá nos principais puntos turísticos da Costa da Morte así como en festivais e eventos durante o período estival, no que se recollen algunhas das principais características da accesibilidade e “os motivos que nos deben levar a camiñar xuntos na construción dun novo mapa turístico e unha nova realidade máis accesible para todas”, subliñou o
presidente de Íntegro, Adolfo López Baña. Entre outras razóns, destacan o notable crecemento da contorna como destino turístico, a importancia de cubrir as necesidades dos principais demandantes de recursos turísticos (persoas maiores e con discapacidade), promover a accesibilidade como incentivo de calidade, atraer un novo segmento de viaxeiros, desestacionar o turismo e facer valer os dereitos de todas as persoas.
Se ti tamén es empresa, asociación, administración pública ou tes un proxecto, idea ou actividade profesional vinculada ao sector turístico, achégate á oficina do CMA Turismo para todas, situada no lugar de A Pedra, 30. Nantón (Cabana de Bergantiños), ou solicítanos información a través do correo electrónico [email protected], na web www.integro.es e/ou no teléfono 650 961 649.

Comentarios