Venres. 26.04.2024
El tiempo

Íntegro recibe o apoio da Deputación da Coruña

Íntegro recibe o apoio da Deputación da Coruña
Ánxela Franco, deputada provincial de Benestar Social, visitou onte o centro de Nantón Ánxela Franco, deputada provincial de Benestar Social, visitou onte o centro de Nantón “O feito de estar aquí significa que apoiamos este tipo de proxectos”. Así comezou a súa intervención a deputada de Benestar Social da Deputación da Coruña, Ánxela Franco, na reunión de traballo que se celebrou onte nas instalacións que a Asociación Íntegro ten en Nantón (Cabana de Bergantiños), e na que participaron o deputado provincial do BNG e alcalde de Zas, Manuel Muíño, as concelleiras de Cabana Begoña Torrado e Sheila Recarey; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña; o tesoureiro, Silvestre Couto, e a directora do centro de recursos, Noelia Barreira. Ánxela Franco avanzou que a liña de axudas en concorrencia competitiva seguirá aberta o ano que vén, ofreceu a Íntegro o asesoramento técnico que precise e anunciou que o goberno provincial pretende destinar o 5% do orzamento da institución a plans “moi específicos” que primarán a “comarcalización” de determinados servizos. A deputada provincial lembrou que o pacto de goberno acadado na Deputación “vai orientado a desmantelala”, e que nese camiño cederanse competencias aos concellos e tamén á Xunta. Máis Porvir Durante a xuntanza, Adolfo López Baña explicou que Íntegro quere ser unha entidade sostible. "Temos claro que temos que ir reducindo o nivel de dependencia das subvencións das administracións, e por iso apostamos pola creación dun centro especial de emprego, Máis Porvir, co que pretendemos ofrecer servizos ás Administracións. asegurou o presidente da entidade. Neste sentido apuntou que os concellos de Cabana e Malpica xa están a contar con Máis Porvir para tarefas de xardinería, no primeiro caso, e para formación, no segundo. Durante o percorrido previo polas instalacións, o presidente de Íntegro explicou aos deputados provinciais a historia de Íntegro dende 1992, proxectos que se levaron a cabo e outros que quedaron esquecidos por falta de apoio, e a situación actual da entidade. Pola súa banda, Noelia Barreira fixo de guía polas distintas dependencias, dende a cociña, na que hoxe os usuarios prepararon doces de mazá e marmelo; ata a aula ocupacional, o centro de día, o ximnasio ou os invernadoiros. A creación dun xardín terapéutico e, a máis longo prazo, a adquisición dunha vivenda tutelada, son dous grandes proxectos que ten en mente Íntegro para os seus 22 usuarios e usuarias actuais e para os que poidan unirse no futuro.

Novas relacionadas

    Fonte  Redacción QPC ([email protected]) Íntegro

Comentarios