Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Íntegro remata a gravación da curtametraxe "Acéndete"

Íntegro remata a gravación da curtametraxe "Acéndete"
Onte rematou o obradoiro audiovisual no que dende o pasado 9 de xuño están a traballar as usuarias e usuarios do Centro de Recursos de Íntegro, a asociación para a diversidade funcional de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Ao longo de doce xornadas traballouse no centro os principios da Convención da ONU sobre os dereitos das persoas con diversidade funcional. A través da análise de textos, de curtas, publicidade e outras publicacións afondaron no contido da Convención para así elaborar o guión da curta, "Acéndete", e sobre aspectos técnicos da gravación. Como eixe central escolleuse a simboloxía dos faros, edificios representativos da Costa da Morte. Como apuntaba Adriana P. Villanueva, unha das integrantes da produtora Illa Bufarda, a misión deste documental é mostrar como as persoas nos podemos converter en guías para que se cumpran os dereitos: «Nos somos persoas faro, fixamos a vista no que non nos gusta para poder cambialo». Os faros neste corto son unha luz que acende ás persoas para facelas autosuficientes. A última xornada de gravación, celebrada onte, desenvolveuse en Nantón, no Centro de Recursos, nas zonas verdes que o rodean e tamén se farán tomas adicionais en Santiago de Compostela. As localizacións elixidas para a curtametraxe foron o faro de Fisterra, onde se iniciou a gravación, o IES Maximino Romero de Lema en Baio onde tamén se gravou nun domicilio particular e o Paseo Marítimo de Cabana. A volta das vacacións do verán, Íntegro organizará unha xornada de presentación da curtametraxe coa que abrir un debate social sobre os dereitos das persoas.

Comentarios