Íntegro ve medrar a pioneira Experiencia Piloto de Vida Independente

Convertir as casas dos mestres en vivendas sociais e que ademais sirvan de experiencia piloto para axudar a independizarse a unha persoa con discapacidade, é toda unha grande aposta. A Asociación Íntegro, xunto co Concello cabanés desenvolven esta fermosa iniciativa e pioneira que pretende sentar as bases para a futura xestión de novos programas de vivenda con apoio.
Esta Experiencia Piloto de Vida Independente, está co-financiada pola Xunta de Galicia, a través da COGAMI con fondos procedentes do 0,7% do IRPF, o que dá conta da importancia de marcar o X Solidario.
diO proxecto, que deu comezo o pasado 1 de setembro, pretende mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade do rural da Costa da Morte dotándoas de habilidades para levar a cabo unha vida autónoma e independente. Trátase dun recurso baseado na prestación de servizos de proximidade, centrado na persoa e adaptado de forma individualizada a cada usuario/a, tendo en conta os perfís tan similares e á vez dispares, debido ás características da súa discapacidade (principalmente, intelectual). Deste xeito, procuramos que os/as beneficiarias deste programa permanezan na súa zona de influencia, evitando o desarraigamento e a realización de desprazamentos innecesarios e custosos, por mor da gran dispersión xeográfica que existe na Costa da Morte. Neste senso, López Baña destacou a importancia de “contar con novos recursos de proximidade e apoio tan demandados polas familias das persoas usuarias do noso centro de día e ocupacional para evitar o distanciamento que se produce cando unha persoa se despraza a unha residencia fóra da súa contorna”. Pola súa banda, o rexedor cabanés asegurou que “este tipo de iniciativas, que posibilitan o acceso á vivenda, son as garanten a plena inclusión de persoas con discapacidade”.
Cada un dos apartamentos, situados nas antigas casas dos mestres xunto ao CPI As Revoltas, en Cabana de Bergantiños, conta con cociña, salón-comedor, baño con ducha e tres habitacións totalmente equipadas para habitar. Ademais, todos os espazos son accesibles e están adaptados para persoas con mobilidade reducida.
Actualmente, benefícianse deste proxecto dúas persoas con discapacidade, que reciben diariamente supervisión e apoio para a realización das actividades básicas da vida diaria.