Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Íntegro arrincará un programa experimental sobre inclusión laboral

  • A empresa social  do grupoMáis Porvir Xestión Social segue medrando
Xunta directiva Integro 2024
Íntegro arrincará un programa experimental sobre inclusión laboral

O Centro de Recursos Íntegro acollía o pasado venres a celebración da súas asembleas anuais, tanto a ordinaria como a extraordinaria.

Balance

A primeira deu comezo segundo o previsto coa lectura da acta anterior e a exposición das actividades desenvolvidas en 2023, resumidas a través dun breve vídeo explicativo a cargo da directora do Centro de Recursos Noelia Barreira. A continuación, o tesoureiro Silvestre Couto deu a coñecer o estado contable da entidade, salientando que no pasado exercicio o investimento en gasto salarial e de persoal achegouse ao 57% do orzamento xeral mentres que a maior parte dos gastos xerais foron destinados a comedor e combustible.
No que respecta ao actual exercicio, destacou a sinatura do concerto social da Xunta de Galicia, que proporciona á asociación unha maior estabilidade económica para facer fronte aos pagos ordinarios.

Novos proxectos

Aprobadas as contas, procedeuse a detallar as actividades previstas para este ano, facendo especial fincapé na posta en marcha dun programa experimental sobre inclusión laboral orientado ás persoas usuarias do centro ocupacional coa intención de que coñezan de primeira man a realidade dun traballo ordinario. Esta iniciativa é posible grazas a un acordo de colaboración cunha empresa externa especializada na materia.

Outra das novidades deste 2024 será a celebración cara finais de ano da andaina solidaria “por un millón de pasos”, unha iniciativa que ten como finalidade promover a práctica da actividade física a través da organización de paseos en grupo.

Máis porvir

Por outra banda, a xerente de Máis Porvir Xestión Social, Sandra Caamaño, foi a encargada de dar a coñecer o balance económico anual da empresa de economía social, da que xa forman parte máis de 65 traballadores/as (+ 87% con disCapacidade), 13 máis que en 2023, e as actividades e servizos prestados en concellos xa habituais como o de Cabana, onde se desenvolven os diferentes obradoiros do programa de actividades sociais nas parroquias (cestería, artes manuais...), pero tamén noutros de nova adhesión como Ponteceso, Muxía e Camariñas. 

Nova Xunta Directiva

Tras a asemblea ordinaria, celebrouse outra extraordinaria para abordar a elección e nomeamento dos novos compoñentes da Xunta Directiva, que resultaron elixidos/as por unanimidade nunha candidatura única, e que son os seguintes:

  • Presidente: Adolfo López Baña
  • Vicepresidente: Ramón Pombo
  • Secretaria: Anabel Castiñeiras
  • Tesoureiro: Silvestre Couto
  • Vogais: David Pombo, Manuel Caramés, Antonio Castiñeiras (representante das persoas usuarias do centro) e Mari Carmen García (enlace coas familias das persoas usuarias).

Así mesmo, aprobouse a reforma dos estatutos para adaptalos á nova normativa que aposta por unha linguaxe máis inclusiva, a celebración de asembleas telemáticas e a incorporación da palabra “curadores” en substitución de “titores” como establece a nova Lei 8/2021.

Antes de rematar a xuntanza, o reelixido presidente agradeceu o apoio e o traballo constante de todos os socios e socias da entidade, ao tempo que apelou á súa participación e colaboración para “asegurarnos de que as nosas accións reflicten verdadeiramente as necesidades e desexos de familiares e usuarios/as”, subliñou.

Comentarios