José Muíño, único ausente no debate público entre candidatos en Cabana


O local social de Cundíns, no Concello de Cabana de Bergantiños, acollía un interesante debate, organizado pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, a asociacións Petón do Lobo, Río Lourido e a asociación de veciños de Cereo. Un debate no que o PXOM e os ecos da mina de ouro de Corcoesto estaban no punto de mira. Un debate ao que o alcalde de Cabana e actual candidato do PP, José Muíño, non quixo asistir.
En todo caso, numerosos veciños de Cabana para escoitar as propostas dos candidatos á alcaldía deste Concello, neste caso, Enrique Díaz, candidato do PSOE e Meli Souto, do BNG, que foron debullando nos tempos asignados unha a unha as súas propostas programáticas no eido dos temas obxecto do mesmo.
O debate estivo moderado pola xornalista Belén Puñal, que foi asignando as quendas do debate e organizando a participación do público asistente na quenda de preguntas aos candidatos. En canto ás propostas formuladas, para cada un dos asuntos tratados, os candidatos destacaron o seguinte:

A respecto do PXOM
Enrique Díaz do PSOE, criticou que o candidato do Partido Popular, José Muiño non queira falar do Plan Xeral, cando é un dos máis importantes instrumentos cos que conta a administración local para facilitarlle a vida á xente e mellorar a integración e a vertebración territorial do Concello. Subliñou que o PXOM debe estar ao servizo das persoas e compre falar e explicarllo á cidadanía, “cousa que algúns non queren facer”. No caso de gobernar o Concello comprométese a elaborar un plan xeral participativo no que se involucre a cidadanía, e que estea ao servizo da xente. Considera tamén que o plan xeral debe protexer determinadas zonas do Concello, que polos seus valores paisaxísticos, ambientais ou culturais, deben manterse a salvo de iniciativas de calquera tipo que destrúan eses valores, como por exemplo proxectos mineiros.
Manifestouse tamén en contra do proxecto mineiro de Corcoesto, sinalando que desde o PSOE fixeran alegacións ao mesmo, e ten acudido a algunha das manifestacións convocadas en contra deste proxecto, xunto co propio PSOE, que tamén se manifestou publicamente en contra.
O candidato do BNG, Meli Souto, indica que o BNG garantirá a participación da veciñanza na elaboración do PXOM, informando e consensuando absolutamente todas as decisións e todos os pasos a seguir “para ter un plan xeral ao servizo de todos”. Tamén subliña que hai que facer partícipes aos Concellos veciños, particularmente Coristanco, onde non ten sentido real, nin cabida legal, facer a priori ningunha actuación como a prevista de cambio de uso de chan produtivo por chan industrial ou dotacional para facilitar proxectos mineiros. Considera que o plan xeral debe prestar atención prioritaria ao coidado dos espazos naturais e do patrimonio cultural, histórico e etnográfico, que o Partido Popular, apoiándose na maioría absoluta da anterior lexislatura, pretendía deixar sen ningunha protección, ao servizo dos intereses dos especuladores.
Ambos candidatos coinciden en sinalar que José Muíño oculta á cidadanía os seus verdadeiros plans en relación ao PXOM, porque sabe, que de gañar as eleccións, desenvolverá un plan xeral que será moi restritivo e prexudicial para a cidadanía. Por este motivo consideran que José Muíño non quere que entre no “debate electoral”, como el mesmo sinalou nos medios.
En clave de futuro
No que atinxe ao futuro da mina de Corcoesto e á reserva de solo prevista para este proxecto no documento de inicio do PXOM. Enrique Díaz, insiste en que o plan xeral debe preservar os valores propios do solo, neste caso concreto, o do monte, polo tanto o plan xeral debe protexer os intereses dos donos, dos propietarios dos montes, e non os de corporacións multinacionais. Critica tamén que se lle dea unha cualificación no documento de inicio como solo afecto a un sistema xeral, que está destinado a reservas de solo para dotacións públicas que teñen por obxecto dar servizos ao concello. Considera que a mina de ouro non cumpre estes requisitos, e por tanto, no caso de gobernar, manterá o nivel de protección dos montes de Corcoesto que ten o actual plan xeral, que é o de especial protección forestal.
En relación á mina de Corcoesto, o candidato do BNG, Meli Souto, considera que despois da paralización deste proxecto, non existe na actualidade ningunha posibilidade de que esta iniciativa espoliadora sexa retomada. Indicou que “está totalmente descartada, o que lle dá absoluto protagonismo ao sentir maioritario da veciñanza, tanto do Concello de Cabana, como da Comarca e de todo o País”. Subliña que este sentir foi recollido polo BNG dende o primeiro momento formando parte del, canalizando a verdadeira e lexítima voz do Pobo, e que seguirá loitando contra calquera proxecto mineiro ou outra iniciativa que pretenda saquear os nosos recursos.
A respecto do documento de inicio actualmente en trámite do PXOM o candidato do BNG considera que é un verdadeiro despropósito, desde o punto de vista tanto da realidade socioeconómica como desde o ámbito xurídico. “É un insulto á veciñanza en forma e contido, e unha ilegalidade que de seguir adiante acabará nos tribunais”.
Posta en valor do noso Patrimonio
A respecto da protección e posta en valor dos recursos patrimoniais, paisaxísticos e ambientais do Concello, Enrique Díaz, subliñou a inmensa riqueza paisaxística e ambiental do Concello que non está suficientemente explotada. Para iso propón poñela en valor por medio de iniciativas xeradoras de riqueza e emprego a través do desenvolvemento de actividades vinculadas ao turismo rural, turismo de natureza, rutas de sendeirismo, e incluso o turismo ornitolóxico, que compre potenciar. Insiste na necesidade de difundir e potenciar esta magnífica riqueza natural e cultural polas canles axeitadas, para que Cabana sexa coñecida.
Pola súa banda, Meli Souto destaca que non se trata só de recuperar ou protexer illadamente, debe deseñarse un plan ambicioso para protexer e darlle valor interconetando os distintos elementos patrimoniais, ambientais e paisaxísticos en conxunto, incluso cunha visión supramunicipal, para a valorización conxunta do territorio. Sinala tamén, que a mellor maneira de protexer os nosos recursos é mediante o apoio ao desenvolvemento de actividades económicas sustentables e respectuosas co medio, a defensa dos sistemas de produción tradicional e a posta en valor dos produtos de calidade, así como fomentar o emprendemento para fixar poboación para que Cabana se manteña viva. Tamén considera fundamental a recuperación do tecido asociativo a todos os niveis, “temos que empezar por valorar nós mesmos o que temos e traballar en conxunto para sacarlle rendibilidade desde o punto de vista da súa explotación económica”.
Críticas do público ao alcalde
Ao final, coas intervencións do público, o debate derivou cara outros temas de interese da cidadanía de Cabana. Os asistentes criticaron duramente a xestión de José Muíño, especialmente no relativo á suba da auga, á indemnización de máis de cen mil euros que o Concello ten que pagar á anterior empresa concesionaria, a futura subida da contribución (o imposto sobre bens inmobles – IBI) que tamén Muíño oculta á cidadanía. Criticaron tamén o seu favoritismo coa empresa mineira de Corcoesto, a realización de obras inmensas como a captación de auga no río Anllóns ao seu paso por Corcoesto para levala a Nantón, que actualmente está inacabada e en estado de absoluto abandono e que deriva na devolución de diñeiro de subvencións recibidas polo Concello. Os asistentes criticaron o fracasado proxecto do polígono industrial de Nantón e as redes de saneamento executadas en algunhas parroquias, que non poden entrar en funcionamento porque presentan graves fallos de execución.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).