Licitadas as obras da senda peonil que unirá as localidades cabanesas de Neaño e A Carballa
07:09 22/03/17
O Diario Oficial de Galicia - DOG - publica hoxe a licitación da s obras da senda peonil que unirá as localidades de Neaño e A Carballa; un itinerario peonil de 1,6 quilómetros cun investimento de 400.000 euros. Así llo avanzou onte a conselleira de Infraestruturas e Vivenda - Ethel Vázquez - durante un encontro de traballo que mantivo co alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño.
A conselleira Ethel Vázquez e o alcalde de Cabana - José Muíño - mantiveron onte unha reunión de traballo
Os propietarios dos terreos está convocados para este venres, día 24 de marzo, co fin de levar a cabo o levantamento das actas previas. A senda, que terá unha lonxitude de 1.564 metros, executarase en formigón, pola marxe esquerda da estrada AC-429, desde o punto quilométrico 2,176 (intersección coa DP-1406a Cesullas situada no núcleo de Neaño) ata o 3,565, lugar no que existe un paso inferior. Desde ese punto, a senda continua pola marxe dereita da vía ata o punto quilómetrico 3,740 (entrada en A Carballa), aproveitando o camiño existente ao pe do noiro.
Plan de sendas
Vázquez explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Sendas da Comarca de Bergantiños, no que a Xunta está a investir 5 millóns de euros para a construción de sete itinerarios seguros e sustentables que sumarán uns 11 quilómetros. A conselleira precisou que estes proxectos xa se van materializando, posto que coa de hoxe estarán licitadas 4 sendas nesta comarca: Neaño- A Carballa, Laracha- Paiosaco, Buño- Xornes- Canta la Rana e Carballo- Bértoa. As actuacións destes dous últimos itinerarios comezarán no vindeiro mes de abril. Os proxectos das sendas restantes atópanse en fase de redacción e supervisión.
Novas relacionadas
- Cabana e Neaño, e Carballo e Coristanco uniranse por novas sendas peonís
- Camiñando polas sendas peonís.
Fonte
- Redacción QPC([email protected])
- Consellería Infraestructuras e Vivenda