Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As máscaras de Gerifarma: De Pedracuca a media España

Traballadoras do Taller Confecciones Lani
Irma Méndez, cas gafas vermellas, e Noelia Soneira, primeira pola esquerda na fila de atrás, co equipo de traballadoras do Taller Confecciones Lani que crean en Cabana as máscaras de Gerifarma
As máscaras de Gerifarma: De Pedracuca a media España

Levan 4 anos cun pequeno taller no lugar de Pedracuca, na parroquia Cesullas, en Cabana de Bergantiños. Irma Méndez e Noelia Soneira, socias de Confecciones Lani traballaban habitualmente, e o seguen facendo, para unha empresa de roupa de traballo de Lugo, Xorsa.

A verdade é que co tema do confinamento pensamos que ían ter un baixón, pero… foi ao revés. Un bo día, no medio da corentena, apareceu pola porta do taller Cristina Giraldo, unha herculina que ten casa no mesmo lugar. Unha muller á que non lle para a cabeza e que lles propuxo comezar a facerlle unhas máscaras.

A cousa foi collendo forma. Un nome, Gerifarma, unha identidade local, uns texidos de calidade, reutilizables, “un corazón verde” como reza o lema… Ata que chegaron as primeiras aparicións en prensa e todo se foi “indo de madre”. “Empezamos facendo unhas poucas e agora non damos feito”, explícanos Irma. “Medrou como as mareas. Pasamos de facer pedidos 20-30… e agora facemos de 1.000. Unha burrada, tivemos que coller dúas persoas máis para manter a produción”, explica orgullosa e contenta mesmo de ter saído na TVG. “Non estamos acostumados a estas cousas en Pedracuca”, di sorrindo.

O taller Lani traballando arreo para facer as mascaras de Gerifarma
O taller de Confecciones Lani a pleno rendemento

Ademais de centos de clientes singulares, que buscan non ter que acodir ás máscaras feitas en china, e mercan en farmacias e parafarmacias de toda España e a través da rede (dende gerifarma.com), nas últimas semanas centros escolares como Andaina ou Xesuitinas tamén fixeron os seus pedidos de máscaras personalizadas.

Pouco a pouco de feito xa nota que pola zona a xente vai vestindo esas brancas máscaras cos singulares fíos fosforescentes de Gerifarma, ou “de Irma”, como a veciñanza as vai pedindo nas farmacias da zona.

O segredo, é que ademais de ser moi cómodas e deixar respirar sen que se abafen as gafas, é que son máscaras reutilizables pensados tamén para nenos e para peles sensibles (“son naturais e non dan alerxias”), pois están feitas con texidos de producións sostibles e biodegradables; e sobre todo, feitas a man digna, orgullosa e localmente.

Esa singularidade de facerse no rural galego é sen dúbida un reclamo para que xa estean en farmacias de Coruña, Lugo, Pontevedra, Madrid, Barcelona, Alacante, Palencia, Almería… e a idea de Giraldo é traducir a web a outros idiomas para tamén no estranxeiro.

Iso si, “quen nos dera non ter que facelas”… reflexiona Irma antes de rematar a conversa e seguir traballando.

Neno cunha máscara de Gerifarma

Comentarios