mércores. 01.07.2026
El tiempo

A Galería Mulleres preséntanos a Ijeoma Umebinyuo, unha das mellores poetas contemporáneas do planeta

Seguimos percorrendo a historia en clave feminina, da man Viki Rivadulla e a través da Galería Mulleres da Biblioteca da Muller do Concello de Muxía.

Hoxe visitamos Nixeria, para coñecer unha das mellores poetas contemporáneas do planeta.

Galeria Mulleres Ijeoma Umebinyuo copia
A Galería Mulleres preséntanos a Ijeoma Umebinyuo, unha das mellores poetas contemporáneas do planeta

Blues da diáspora 
Así que, aquí estás,   
demasiado estranxeiro para casa e  
demasiado  estranxeiro para aquí.  
Nunca suficiente para os dous. 

 Ijeoma Umebinyuo

Ijeoma Umebinyuo (Lagos, Nixeria) Escritora e activista. Defensora dos dereitos reprodutivos das mulleres, das mulleres na política e das mulleres sendo donas da súa propia narrativa. Feminista que busca coa súa poesía mover a alma dos lectores. En 2016, foi nomeada unha dos mellores poetas contemporáneos (masculino e feminino) emerxentes de África por Writivism, e hoxe é considerada unha das mellores poetas modernas da África subsahariana.   

Empezou a escribir aos 7 anos. O seu avó introducíraa na narración oral a través do folclore igbo. O seu primeiro poemario “Questions for Ada” (“Preguntas para Ada”, na cultura igbo Ada é un nome que se pon ás fillas. Normalmente este nome resérvase ás fillas primoxénitas), publicado en 2015, tivo unha repercusión que sorprendeu á propia poeta. 
Foi invitada a falar en varios países e institucións, deu charlas nas Universidades de EEUU, e pronunciou o discurso de apertura na primeira Conferencia de Afrocentrismo; formou parte dun panel de discusión centrado nas mulleres nixerianas organizado na Universidade de Lagos pola BBC. Tamén nun panel de discusión sobre “Xénero, silencio e política da escritura” no Festival Internacional de Poesía de Hong Kong. En 2017 foi convidada a falar en The Cooper Union, e a súa charla, Dismantling the Culture of Silence, buscaba desafiar a cultura onde o silencio é visto como unha virtude nas comunidades marxinadas e como afecta ás mulleres. Tivo moita repercusión.  

Ijeoma escribe sobre cousas das que moitos non queren saber. Asuntos dos que as mulleres falan entre elas en voz baixa.Tabús como a violación, por exemplo."Estou a escribir para as mulleres que unha vez foron nenas xulgándose a si mesmas a través dos ollos de almas que non podían comprender a súa luz. (…) Quería ensinar cada experiencia dolorosa, cada experiencia que me contaron e, o máis importante, quería centrar os meus poemas nesas mulleres que case nunca aparecen representadas. Na historia que conto son importantes mulleres como as miñas avoas, as miñas nais”. 

Na súa obra a saúde mental, tamén un tabú nas sociedades africanas ou entre os grupos de africanos espallados polo mundo, ocupa un lugar esencial. Ao mencionar a saúde mental, as persoas negras quedan excluídas e ela ponlle voz. 

Desdeña ese concepto de muller forte, empoderada, que xamais se derruba, de muller-mula que carga cos problemas dos demais renunciando ás súas necesidades máis profundas. Esa idea secular de que a muller sempre ha de seguir adiante suceda o que suceda, esa idea romántica pero cruel, que oculta tanta segregación e escarnio.

“O corpo é político, os nosos corpos son políticos, non importa desde que perspectiva os miremos. Desde os dereitos reprodutivos ata os debates sobre a brecha salarial. Desde a mutilación xenital feminina ata a educación das nenas. Desde a titularidade das propiedades ata o feito de que as mulleres sexan descritas como propiedade dos homes. Os lexisladores debaten sobre os nosos corpos, pero tamén se debate sobre eles nas nosas familias e nas nosas comunidades. Sempre que as mulleres posúan e reclamen os seus corpos van ocorrer cousas importantes, porque por moito tempo díxosenos que o noso corpo pertence a todo o mundo menos a nós. Se unha muller decide non ser nai, fanlle sentir vergoña. En moitos lugares cando a muller decide apropiarse do seu corpo e levar a cabo unha planificación familiar, o seu marido pode dicir que non. Quería escribir sobre as traxedias e os triunfos daquelas mulleres que se priorizan a si mesmas. Priorizarse non foi doado para moitas”.
Entrevista en Afroféminas

16 ANOS DA GALERÍA MULLERES MUXÍA

Fonte

  • A Biblioteca da Muller de Muxía, da man de Viki Rivadulla.

Comentarios