Venres. 19.04.2024
El tiempo

Unha nova psicóloga para o equipo de Íntegro

Asociacion Integro PIDM
Unha nova psicóloga para o equipo de Íntegro

Segue medrando a asociación Íntegro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte. E faino con máis persoal, que lle permite ofrecer unha atención especializada tanto a nivel individual como en grupo. Desta volta é unha psicóloga a que se incorpora ao equipo cabanés, que se encargará de xestionar o servizo de atención psicolóxica do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural).

Agora, a educadora e a traballadora social poderán compartir estratexias coa nova psicóloga, para levar a cabo a planificación, elaboración, desenvolvemento e avaliación dos Plans Individuais de Atención (PIA) das persoas usuarias, así como ofrecer asesoramento e apoio psicolóxico ás familias que o precisen.

PIMDRural

Xa son 6 anos dende que Íntegro ten en marcha este Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade do Rural (PIMDRural). Un programa de atención personalizada e especializada, co-financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade a través da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo (FSE), dirixido a mulleres en situación de especial vulnerabilidade que residen na zona rural da Costa da Morte.

Durante o período comprendido entre o 1 outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, desde o PIMDRural prestouse atención a preto de medio centenar de mulleres, a maioría delas con disCapacidade. Entre os servizos máis demandados polas usuarias destacan o de información e orientación sobre recursos singularizados de atención e asesoramento persoal e social, así como apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que lles faciliten ás persoas o seu proceso de integración social; mediación intercultural e/ou familiar, a través da posta en marcha de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade, e orientación laboral e de acompañamento na busca de emprego, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral. Ademais do acompañamento, as persoas usuarias tamén dispoñen dun servizo de transporte gratuíto para os seus desprazamentos.

Comentarios