Venres. 19.04.2024
El tiempo

Novembro do Patrimonio en Cabana de Bergantiños

Novembro do Patrimonio en Cabana de Bergantiños

O programa Outono do Patrimonio continúa co seu plan de actividades neste vindeiro mes de novembro coa proposta de actividades conxuntas dos departamentos de Servizos Sociais e Cultura, Educación e Normalización Lingüística.

Desde Servizos Sociais mantéñense en pé cinco grupos de actividades. O curso de técnicas de defensa persoal titulado En Garda! continuará desenvolvéndose os días 3, 8, 10, 15, 17, 22 e 24 deste mes. Ó Obradoiro de Títeres para a Coeducación réstanlle dúas sesións: a do día 5 e a do 13.
Esta última acollerá a representación da obra A píntega rabilonga que naceu nestes obradoiros de títeres. A escenificación terá lugar ás 5 da tarde na Escola Infantil Municipal A Casa dos Títeres. Estes novos actores estarán acompañados por un dos grupos da Escola Municipal de Teatro que representará "O país dos mandóns", unha breve peza teatral que fala da igualdade de xénero.
O domingo 13, no centro de maiores de Neaño, organizouse para as 7 da tarde un magosto e para as 8 un baile amenizado polo Dúo Principal. Ademais, seguen activos os cursos de bailes de salón e de ximnasia de mantemento para maiores.

"Romaría do Inverno no Verán de San Martiño"

Desde o departamento de Cultura, Educación e Normalización Lingüística artellouse un ciclo de actividades baixo o título de Romaría do Inverno no Verán de San Martiño. As propostas son as seguintes. O xoves 10 de novembro realizarase unha Romaría do San Fins do Castro para escolares da redonda. Estes viaxarán no Tren do Berro Seco, comerán castañas e coñecerán as singularidades etnográficas do San Fins desde un punto de vista didáctico. A música virá da man do Home Orquestra Ce Pantasma.
Para o venres 11 estableceuse unha Xornada de Xogos Tradicionais no pavillón municipal. Na noite do sábado 12, á medianoite, recuperarase en Riobó o concerto do Tren da Unha, que fora suspendido pola chuvia.
E, por último, para o domingo 13 artellouse no local social da Mata un Café da Memoria e unha Exposición Audiovisual sobre a parroquia de Riobó e así como de todas as edicións de Unha Noite no Medievo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Departamento de Cultura, Educación e Normalización Lingüística do Concello de Cabana.

Comentarios