Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O Obradoiro de Emprego de Cabana restaurou o Albergue Xuvenil

O Obradoiro de Emprego de Cabana restaurou o Albergue Xuvenil
O Obradoiro de Emprego da Escola de Vela da Costa da Morte do Concello de Cabana rematou nos últimos días a primeira fase da restauración do Albergue Xuvenil, que o Concello está a construir nos módulos das antigas vivendas dos Mestres do colexio de As Revoltas. No equipo de traballo existiu unha moi boa coordinación, co traballo da directora, Estrella del Mar Señarís Castro, e as ensinanzas dos respectivos Mestres de albanelería e carpintería, Jesús Castiñeiras e Suso Puentes. Grazas a isto, foi posible que o albergue estivera listo para acoller ao seu primeiro grupo de inquilinos, que son os 20 participantes no campo de traballo “Rego dos Muíños” xunto con cinco monitores. En canto ás instalacións, contan con dous andares, dos cales o primeiro está acondicionado para persoas discapacitadas. Dispón ademáis de sete duchas individuais, un baño adaptado e quince liteiras dobres, que foron fabricadas polo grupo de carpintería. Nestes intres, atópanse facendo o resto do mobiliario. As instalacións completaranse co remate das obras da segunda e a terceira fase do albergue, nas que se ampliará o número de prazas de hospedaxe e se acondicionará a cociña, un gran comedor e varias salas para reunións e actividades formativas. A segunda das obras nas que se atopan traballando os membros do Obradoiro de Emprego é a Escola de Vela Costa da Morte, que se asenta no antigo aserradoiro de Tedín e leva un bo ritmo en canto ás obras. Este grupo de traballadores está composto por 18 alumnos na especialidade de albanelería e 12 na de carpintería. Trátase de homes e mulleres que estaban nunha situación de desemprego e que, grazas aos fondos achegados pola Consellería de Traballo e Benestar, están a ser formadas para o seu vindeiro ingreso no mercado laboral. Tamén perciben un salario polo seu traballo durante todo este ano. Os traballadores fixeron un cursiño, no caso dos de carpintería foi sobre lacados, e no dos de albanelería estivo centrado na termoarxila. Vémolos na fotografía superior co diploma acreditativo. Visita do alcalde O venres 15 de xullo, os participantes no obradoiro recibiron a visita do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, quen comprobou persoalmente o estado das instalacións do Albergue e declarou estar moi sorprendido co execelente acabado dos traballos e a rapidez na que foi entregada a obra.

Novas relacionadas

Fonte
  • Nota de prensa do Concello de Cabana, da man de Xosé Manuel Varela.

Comentarios