Outono da Música en Cabana de Bergantiños
19:35 26/09/10
Baixo o título de “Outono do Patrimonio. A música en Cabana de Bergantiños”, o departamento de Cultura do concello cabanés organizou un ambicioso programa cultural no que, ó longo de 3 meses, o patrimonio musical será o eixo sobre o que xirarán distintas propostas dirixidas a todos os públicos e a case todas as parroquias que conforman o municipio.
Homenaxe gaiteira
O aspecto máis reivindicativo do programa será a homenaxe que se lle tributará, durante a tarde do 21 de novembro, ós grupos históricos de gaiteiros que houbo durante o século XX no concello cabanés. Entre eles están os Gaiteiros Reveirana, Os Enxebres de Neaño e Os Gaiteiros de Anos. Esta tarde de homenaxe completarase cun concerto de Pablo Díaz e o seu grupo no que presentará o libro-disco Tic-Tac e no cal hai incluído un corte musical dedicado ó Jay Jay.Homenaxe parroquial
Por outra banda, Cabana de Bergantiños tamén estará presente no recoñecemento ó músico e párroco de Canduas, Antonio Méndez Farto, durante a entrega da medalla e insignia ó mérito musical que lle concederá a Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario na Coruña o sábado 9 de outubro. Ata este acto protocolario desprazaranse un total de 70 cabaneses e, ademais, actuará a Coral San Martín de Canduas coa interpretación do tema “Cabana de Bergantiños”.O Tren da Muiñeira
Durante catro mañás do mes de outubro, os escolares do concello poderán percorrer no Tren da Muiñeira distintos lugares emblemáticos que se relacionan con músicos históricos cabaneses. Así, pasarán polo Bosque, a aldea natal de Manuel Figueroa, autor da muiñeira de Cabana; por Rebordelo, lugar no que naceu Eduardo Vázquez O Jay Jay; por Neaño, onde naceron Plácido Vigueret ou Manolo de Xusto. Ademais, o alumnado participante poderá traballar nun caderno didáctico sobre os músicos cabaneses así como realizar audicións de pezas musicais históricas ou tamén ver audiovisuais sobre músicos históricos.Música coral
A música coral terá unha dobre cita en Cabana durante este outono. A primeira está programada para o sábado 23 de outubro. Trátase do IIª Certame de Corais da Costa da Morte que celebra a Asociación Neria no Auditorio Municipal cabanés. Intervirán a Coral Brisas do Mar de Corme, a Asociación de Homes e Mulleres Coro de Cesullas, a Coral Municipal Mulleres de Camariñas, a Asociación Grupo Vocal Virxe da Barca, a Coral Polifónica Xan Mella e a Coral Polifónica Neria. A segunda cita de música coral terá lugar o domingo 19 de decembro coa celebración do ciclo As Nosas Músicas. Tras un pequeno aperitivo musical do alumnado da Escola de Música José María Álvarez Canto, nel participarán todas as corais do concello cabanés: Asociación de Homes e Mulleres Coro de Cesullas, Coral San Martín de Canduas e Asociación de Homes e Mulleres Coral de Corcoesto.Sabor tradicional
O mércores 21 de outubro, os escolares das Revoltas poderán escoitar o son e aprender como se tocan instrumentos de música tradicional como o tamboril, a gaita, a pandeireta, a harmónica, o clarinete ou o acordeón diatónico grazas ós obradoiros que impartirán os compoñentes do grupo Ruote da Coruña, Olga Kirk e Pablo Díaz.Fiada
A festa musical do mes de outubro acabará cunha actividade que se celebra por vez primeira en Cabana de Bergantiños. A cita será no local social da Mata o domingo 31. En horario de tarde- noite realizarase a recreación dunha fiada a cargo da Escola Municipal de Teatro. Completarase con gastronomía e música das copleiras de Riobó, das cantareiras de Nantón e Neaño, así como do grupo folk Lume na Cachela.Romaría
Para o verán de San Martiño está programado unha recreación da romaría do San Fins do Castro que realizará o alumnado do concello no propio campo da romaxe. Á parte de recuperar as lendas e elementos etnográficos desta romaría, o alumnado tamén se divertirá coa actuación do grupo de música infantil Mamá Cabra. O rescate da tradición tamén estará presente na actividade “Na procura das orixes da muiñeira”, dirixida a público escolar e na cal o alumnado de ESO das Revoltas traballará en distintas propostas didácticas sobre o etnógrafo Xaquín Lorenzo e os muíños do Roncaduiro.Concerto "beatliano"
Para os máis novos está programado para o mes de decembro un concerto do grupo local Abbey Road no que se poderá gozar das máis frescas versións dos históricos ingleses The Beatles.Cursos itinerantes
As actividades musicais itinerantes, correrán a cargo da guitarrista e actriz Silvia Losada quen durante todo o trimestre desenvolverá atractivos obradoiros de musicoterapia nos locais sociais de Borneiro, Corcoesto, A Mata, Nantón, Anos e Cundíns.Organizadores
No desenvolvemento deste programa colaboran ademais o CRA Os Remuíños, o CPI As Revoltas, as asociacións de veciños de Borneiro, Anos, Riobó, Corcoesto, Cundíns e Nantón, ademais da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario. É patrocinado pola Deputación da Coruña, a Consellería de Cultura e Turismo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.Novas relacionadas
Fonte
- Nota de prensa do Departamento de Cultura do Concello de Cabana.