sábado. 15.02.2025
El tiempo

Piden a suspensión da Liña de Alta Tensión Bustelo-Meirama que afecta a 7 concellos

Proxectos eolicos Bustelo Barallans e Alto Torreiro 1
Mapa dos proxectos eólicos Bustelo-Baralláns e Alto Torreiro
Piden a suspensión da Liña de Alta Tensión Bustelo-Meirama que afecta a 7 concellos

A pesar da suspensión cautelar por parte do TSXG do Parque Eólico Bustelo-Baralláns, a Liña de Alta Tensión (LAT) que evacuaría a súa enerxía (e a do PE Alto Torreiro) mantense en marcha e as obras poderían comezar calquera día, como denunciaron .

A LAT Bustelo-Meirama atravesaría os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha, Cerceda, Ordes e Carral, afectando a uns e outros en grao diferente.

Ante esta situación, o BNG vén de presentar varias iniciativas no Parlamento para que a Xunta manteña a suspensión do proxecto da liña de alta tensión Bustelo–Meirama en suspenso, namentres non se levante a suspensión cautelar da autorización administrativa e de construción do parque eólico Baralláns. Pide tamén que se avalíen as eivas do proxecto e que se estudien alternativas que minimicen as afeccións a terreos produtivos, edificacións e núcleos de poboación; ou mesmo que se estudie o soterramento da mesma.

 O Concello da Laracha

O Concello da Laracha tamén presentou ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia un expediente de alegacións ao proxecto da Liña Aérea de Alta Tensión 220 kV SET Bustelo e Baralláns, que afectaría a un sector da zona alta da parroquia de Montemaior situado a unha distancia superior aos 300 metros do núcleo de poboación máis próximo.
As alegacións están motivadas pola conservación e o aproveitamento agrícola e forestal da zona, así como o impacto sobre a paisaxe e posibles perdas de biodiversidade por afeccións á fauna e ás aves que podería implicar a liña aérea de alta tensión.
 

AFECTACIÓNS

A LAT proposta ten unha voltaxe de 220 kW e contaría con 98 apoios ao longo de 38,5 km que discorren por eses concellos, pasando ademais en paralelo a outra liña existente.

No caso de Cabana de Bergantiños, instalaríanse 2 torres de alta tensión e afectaría a 12 parcelas, 8 delas de usos agrícolas e forestais. Ao seu paso por Coristanco, o trazado proxectado suporía un impacto certo sobre zonas ZEC (Zona de Especial Conservación), e polo tanto sobre hábitats protexidos. Impacto derivado das rozas e obras de instalación, que se realizarán con maquinaria pesada, e que porán en risco a continuidade de ecosistemas e conectividade entre hábitats. Afectaría especialmente á parroquia de Valenza, cuxa veciñanza maioritariamente amosou a súa preocupación e a vontade de presentar alegacións a este proxecto.

E tamén á parroquia de Erbecedo. Moitos terreos destas dúas zonas de Coristanco están destinados de facto a usos agropecuarios, que poderían verse afectados e limitados de efectivizarse o trazado da LAT proposto. No caso do concello de Carballo, proxéctanse os apoios que van do 31 ao 54, discorrendo por terreos catalogados como solo rústico de especial protección forestal, agropecuaria, de infraestruturas , de augas, paisaxística e arqueolóxico, segundo a normativa municipal.

A LAT proxectada, no que atinxe a Carballo, atravesa os núcleos rurais de Gontade, e pasa a menos de 100 metros de outros como A Cesta, Quintáns, Arganosa, Calvelo de Arriba, Calvelo de Abaixo, Covas de Abaixo e Petón, limitando a posibilidade de construír nas parcelas afectadas.Afecta tamén o trazado da liña a unha parcela situada ao norte do núcleo de Gontade, de titularidade municipal e na que existe un centro docente de educación especial ou á parcela situada no Lugar da Igrexa, tamén municipal, na que se sitúa o centro social de Ardaña. En A Laracha, a zona afectada concéntrase na parroquia de Montemaior, pasando o trazado da LAT polos núcleos de Trigueira, Zanfoga, Lagarteira ou Castiñeira. No caso do concello de Cerceda, esta liña provoca efectos semellantes aos analizados no resto de concellos, se ben neste caso acumúlanse ao resto de liñas existentes na zona. Liñas que enlazan o nó de evacuación de Meirama coas subestacións próximas de Mesón do Vento, A Grela ou mesmo a subestación de Carballo.

Máis novas

Comentarios