A veciñanza de Valenza de Bergantiños oponse ao paso dunha liña de alta tensión
- A asociación Lourido aprobou por unanimidade facer alegacións de forma conxunta

A combativa veciñanza de Valenza de Bergantiños, en Coristanco, volve demostrar a súa unión. Na tarde do sábado pasado os veciños e veciñas da parroquia estaban convocados pola asociación de veciños Lourido a unha asemblea para votar a posibilidade de presentar alegacións á construción da futura liña de alta tensión (LAT) que pretende facer a compañía EDP, na que o principal accionista é unha empresa chinesa, desde Baralláns, en Cabana de Bergantiños até Cerceda e que cruzará a parroquia, despois da súa publicación no DOG o pasado trece de decembro e que está xerando enorme preocupación e temor na veciñanza.
Unha LAT que serviría para evacuar a enerxía dun parque eólico paralizado cautelarmente, o de Bustelo-Baralláns.
A asemblea, na que participaron preto de 100 persoas, tivo unha "posición clara na defensa das súas terras e as súas vivendas que se verán gravemente afectadas de seguir adiante o proxecto" polo que votaron de forma unánime a favor de presentar alegacións de forma conxunta, a través da asociación Lourido.
Tamén moitos veciños e veciñas decidiron presentar de xeito individual as súas propias, polo que se prevé sobre pasar a presentación de máis de cen alegacións ao proxecto tan só nesta parroquia. Farano nesta semana, xa que o prazo remata o vindeiro día 31 de xaneiro.
Por parte da asociación lembrouse a importancia de facer fronte ao proxecto, que discorre paralelo a outra LAT e está ligado á creación dun parque eólico, que por outra banda, está paralizado de forma cautelar polo TSXG, xa que suporá a degradación do territorio, o cambio dos terreos afectados á consideración de solo industrial, ademais do risco para a saúde debido ao campo magnético que xera o transporte da corrente e a súa proximidade ás casas, así como o impacto ambiental que suporá a construción destas torretas que poden supera-los corenta metros de altura. Tamén temen que poida afectar aos recursos hídricos da parroquia e non respecta os bens de interese cultural debido á súa cercanía.