Martes. 23.04.2024
El tiempo

Que foi da sinalización turística e cultural na Autovía Costa da Morte?

Que foi da sinalización turística e cultural na Autovía Costa da Morte?
Sinalizacion Costa da Morte

Cantas veces temos denunciado a necesidade dunha mellora na sinalización das estradas da provincia para anunciar a “Costa da Morte” como destino turístico. Cantos anos pedindo un sinal en grande que sinale “Costa da Morte” na saída da AP-9, por exemplo. E porén, a case todos se nos escapou que a nova Autovía Costa da Morte non ten nin un só cartel de sinalización turístico-patrimonial. Non hai nin un só cartel dos marróns que indique aos visitantes as marabillas que van pasando aos dous lados da vía.

Por iso recollemos un interesante artigo de Íñigo Mouzo en historiadegalicia.gal no que denuncia como as administracións ignoran a nosa bisbarra como un destino turístico de referencia. “Sos máis de 25,5 km de percorrido non podemos atopar nin un só dos famosos carteis turísticos do SISTHO, Sistema de Sinalización Turística Oficial da Rede Viaria do Estado, os xa famosos carteis marróns”, sinala.

A verdade é que é curioso ver nomes como A Piolla ou Agualada, moi habituais para os da casa pero pouco relevantes para os visitantes, e non hai sinais para “A Praia de Laxe”, “O Dolmen de Dombate”, “O Castro Borneiro”, “Os Penedos de Traba e Pasarela”, “Batáns do Mosquetín”, “Forno do Forte”, “Punta Roncudo”, “A vila de Pondal”, “As Torres do Allo”, “Illas Sisargas”, “Cabo VIñán” ou “O Castelo de Vimianzo”, ou “Fisterra”, por susposto, sendo unha listaxe case infinita.

Obrigatorias?

Segundo analiza Mouzo a raíz das normativas, atopa que “Os lugares de Interese Cultural, destinos naturais e ofertas de sol e praia se sinalizarán de acordo o especificado no Sistema de SISTHO”. Pero… “O problema está en que os destinos que poden ser sinalados figuran nunha listaxe oficial (que non pública) e se elixen á proposta dos interesados, en estes caso das Comunidades Autónomas”. O caso é que a última listaxe é de 2015, e non se pode colocar un cartel marrón se non está lista. Ademais eses espazos “teñen que estar a menos de 40 km do lugar” onde se coloque o cartel. Por tanto, Mouzo conclúen que a día de hoxe “probablamente a nivel legal sexa imposible colocar ningún dos famosos carteis”.

En todo caso a responsabilidade seguirá sendo da Xunta, pois ten a competencia para solicitar a inclusión dos lugares e monumentos na listaxe, se ben é algo que debería estar feito dende hai anos, tendo en conta que van máis de 7 anos dende o comezo das obras, como denuncia o propio Mouzo.

Discrepancias entre institucións

Vai máis alá Mouzo no artigo e deixa aberta a posibilidade de que esta carencia na sinalización se deba a unha “deslealdade institucional”, debido a que boa parte destes monumentos culturais son xestionados por outra administración, unha Deputación da Coruña, nestes momentos dirixida por outra cor política.

En todo caso, dende a comarca non podemos botar balóns fóra, e temos que mirar cara dentro e valorar que non houbo ninguén que alzase a voz contra esta desfeita. Tempo tivemos… E seguimos tendo.

 

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios